Publicador de contidos

Publicador de contidos

Avances na descentralización de Medicina, con docentes asociados para Vigo e A Coruña

Avances na descentralización de Medicina, con docentes asociados para Vigo e A Coruña

A Xunta lembrou que é "necesario" reverificar o plan de estudos para poder incorporar todos os cambios na docencia e que estes teñan validez e todas as garantías para o alumnado

Os conselleiros de Educación e Sanidade, na xuntanza cos reitores das universidades galegas Os conselleiros de Educación e Sanidade, na xuntanza cos reitores das universidades galegas
G24.gal 07/09/2026 21:03

 Xunta e reitores das universidades galegas continúan avanzando na descentralización do grao de Medicina e ultiman a incorporación de profesores asociados de Ciencias da Saúde nas institucións académicas de Vigo e A Coruña.

Este luns, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o seu homólogo de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reuníronse cos reitores das universidades galegas, Rosa Crujeiras (Universidade de Santiago); Carmen García Mateo (Universidade de Vigo) e Ricardo Cao (Universidade da Coruña), no marco da Comisión de Seguimento do Acordo de descentralización do Grao en Medicina.

Tal e como trasladou a Xunta, os conselleiros subliñaron que a descentralización avanza segundo o previsto co cumprimento dos obxectivos establecidos para este curso 2026/27.

Este curso escolar, estará descentralizada nos sete campus por completo a docencia clínica práctica dos estudantes de Medicina de 5.º, como principal novidade, e 6.º curso, que xa o estaba en virtude do acordo de 2015.

Ademais, sinalou a Xunta, está a ultimarse a incorporación dos profesores asociados de Ciencias da Saúde propios das universidades de Vigo e A Coruña --tres na UVigo e catro na UDC--, un compromiso alcanzado na última reunión da comisión, do pasado mes de maio.

Neste contexto, a comisión contou coa presenza dunha técnica da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) para asesorar sobre os próximos pasos do proceso.

O Goberno galego lembrou que é "necesario" reverificar o plan de estudos do grao en Medicina para poder incorporar todos os cambios na docencia e que estes teñan validez e todas as garantías para o alumnado. Por iso, é posible que haxa axustes intermedios no calendario derivados desta reverificación.

Con todo, a Comisión mantén o prazo final para completar a descentralización total da docencia --teórica e práctica-- no curso 2028/29.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade