Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno británico estuda eliminar por lei ao expríncipe André da liña sucesoria

O Goberno británico estuda eliminar por lei ao expríncipe André da liña sucesoria

O rei Carlos III, xa lle quitara o título de príncipe pola súa presunta relación con Jeffrey Epstein

O irmán do rei Carlos de Inglaterra foi detido e posteriormente liberado este xoves pasado baixo sospeita de presuntas filtracións de información sensible ao pedófilo convicto

André na liña de sucesión ao trono británico ocupa o oitavo lugar

O expríncipe André á súa saída da comisaría. REUTERS/Phil Noble. Imaxe en vivo de Reuters O expríncipe André á súa saída da comisaría. REUTERS/Phil Noble. Imaxe en vivo de Reuters
G24.gal 21/02/2026 11:52 Última actualización 21/02/2026 13:02

O Goberno laborista do Reino Unido estuda sacar adiante unha lei que permita eliminar ao expríncipe André Mountbatten-Windsor, irmán do rei Carlos III, da liña sucesoria ao trono británico, tras ser detido e posteriormente liberado o xoves baixo sospeita de presuntas filtracións de información sensible ao pedófilo convicto Jeffrey Epstein.

Para o Goberno británico este sería o próximo paso lóxico na xa estrepitosa caída do expríncipe, despois de que seu irmán lle retirase todos os títulos e honras en outubro do ano pasado. A monarquía británica tamén lle obrigou a abandonar a súa mansión de Royal Lodge. 

Este xoves pasado, 19 de febreiro, día do seu 66 aniversario, André Mountbatten- Windsor, expríncipe do Reuno Unido e exduque de York, no primeiro membro de alto nivel na historia moderna da familia real británica en ser arrestado.

A policía británica continúa este sábado cos rexistros no Royal Lodge, a antiga residencia do expríncipe André. Imaxe: Reuters A policía británica continúa este sábado cos rexistros no Royal Lodge, a antiga residencia do expríncipe André. Imaxe: Reuters

Para retirar a Andrés da liña de sucesión ao trono británico, onde actualmente ocupa o oitavo lugar, e evitar a posibilidade teórica de que algún día puidese chegar a converterse no monarca do Reino Unido, sería necesario introducir unha lexislación parlamentaria, algo que contempla levar a cabo o actual Executivo laborista de Keir Starmer.

O secretario de Estado británico para Defensa, Luke Pollard, confirmou este domingo no programa 'Any Questions' de BBC Radio 4 que o Goberno británico ha estado traballando co Palacio de Buckingham nestes plans para frear que o expríncipe poida estar "potencialmente a un paso do trono".

O príncipe de Gales, Guillermo, como primoxénito de Carlos III, ocupa agora o primeiro lugar na liña sucesoria ao trono británico, seguido polos seus tres fillos, Jorge, Carlota e Luis, en orde de nacemento. O seu irmán e fillo menor de Carlos III, o príncipe Enrique, mantén o quinto lugar, seguido dos seus dous fillos, Archie e Lilibet. Despois, no oitavo lugar, estaría actualmente Andrés.

O secretario de Estado británico para Defensa dixo que espera que a acción sexa apoiada por todo o abano de formacións parlamentarias, pero precisou que só sería "correcto" facelo unha vez acabe a actual investigación policial contra o irmán de Carlos III, e independentemente de cal sexa o resultado da mesma.

O líder dos Liberal-Demócratas británicos, Ed Davey, expresou que aínda que agora o máis importante é deixar traballar ás autoridades, o asunto do expríncipe Andrés deberá tratarse no Parlamento "cando sexa o momento oportuno", pois naturalmente a monarquía británica quere asegurarse que xamais poida ser rei.

Unha enquisa recente de YouGov revelou que un 82 % dos británicos considera que o que fose fillo predilecto da falecida raíña Isabel debería ser eliminado da liña de sucesión.

 

A investigación policial continúa aberta

A Policía rexional do Val do Támesis, encargada da investigación, arrestou este xoves a Andrés Mountbatten-Windsor na súa residencia privada de Sandringham, ao leste de Inglaterra, e, tras unhas 11 horas de interrogatorio, púxoo en liberdade baixo investigación por presunta conduta indebida nun cargo público. Investígano por unhas supostas filtracións de información gobernamental sensible por parte do expríncipe a Epstein cando exercía como encargado especial de comercio para o Reino Unido.

 As forzas da orde indicaron o xoves concluír as súas pescudas na rexión inglesa de Norfolk, onde Andrés foi arrestado, pero continúan cos rexistros en Royal Lodge, a que fora residencia do expríncipe durante décadas ata que Carlos III obrigoulle a abandonala hai unhas semanas, situada nas inmediacións do Castello de Windsor, en Londres.

Á primeira hora do sábado, diversos coches de policía sen identificar foron vistos de novo entrando a esta mansión de 30 habitacións, e espérase que as investigacións prosegan polo menos ata o vindeiro luns, de acordo con medios británicos.

Nunha investigación paralela sobre as actividades de Epstein no Reino Unido, a Policía Metropolitana de Londres afirmaba este venres que está a contactar con axentes, retirados e en activo, que puidesen exercer de escoltas para o expríncipe Andrés, para pedirlles que compartan calquera dato relevante do que visen ou oído durante o seu tempo de servizo.

Exterioes do Pazo de Buckingham o día da detención do expríncipe André. Imaxe: EFE Exterioes do Pazo de Buckingham o día da detención do expríncipe André. Imaxe: EFE

Golpe na imaxe da monarquía británica

O arresto de Andrés causou un profundo golpe á imaxe reputacional da coroa británica, aínda que o seu irmán, o rei Carlos III emitiu o xoves un comunicado para reiterar o seu apoio ás autoridades na súa investigación e puntualizar que "a lei debe seguir o seu curso".

A vinculación do Andrés dentro da denominada trama dos "papeis de Epstein", con quen compartiu unha estreita amizade durante décadas, abarca correos electrónicos, presuntas filtracións e mesmo a súa posible participación nunha rede de tráfico sexual de menores coordinada polo falecido pedófilo estadounidense.

O caso máis soado é o da australoestadounidense Virginia Giuffre, falecida en 2025, que acusou xudicialmente ao expríncipe de manter relacións sexuais á forza con ela cando era menor, aínda que Andrés sempre negou todas as acusacións que versan sobre el.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade