Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Congreso reproba a Marlaska pola súa xestión na crise de Ceuta

O Congreso reproba a Marlaska pola súa xestión na crise de Ceuta

Rexeitada a moción de Vox que pedía suspender o tratado con Marrocos

O ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska. Eduardo Parra/Europa Press. O ministro de Interior, Fernando Grande-Marlaska. Eduardo Parra/Europa Press.
G24.gal 16/09/2026 20:17

O Pleno do Congreso aprobou este mércores unha moción do PP pola que reproba ao ministro do Interior, Fernando Grane-Marlaska, pola súa xestión na crise de Ceuta tras a entrada irregular na cidade autónoma de máis de 70.000 persoas os pasados 30 e 31 de xullo.

Este punto da moción dos populares saíu adiante por 184 votos a favor 149 en contra e 11 abstencións, tras un debate en que o deputado popular Javier Celaya criticou a "nefasta actuación do señor Marlaska", quen "mentiu respecto aos avisos recibidos antes da avalancha" e "a invasión", dixo.

"Agora, o Goberno pretende escorrer a súa responsabilidade usando como cabeza de turco ao xefe de gabinete da Delegación do Gobierno en Ceuta", dimitido a pasada semana, engadiu o deputado na súa intervención.

Na moción, os populares reprochan ao titular de Interior "a evidente desprotección das fronteiras españolas, o abandono de Ceuta" e as súas "reiteradas contradicións" sobre avisos e alertas previas, polo que insta o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a que o cese.

Alén da reprobación, o Congreso aprobou os tres puntos do segundo apartado da iniciativa do PP, entre eles o que solicita reforzar permanentemente a presenza da Policía Nacional e da Garda Civil e das forzas armadas en Ceuta "mentres resulte necesario", dotándoas adecuadamente, e establecer dispositivos especiais de seguridade en determinadas rúas, espazos públicos e colexios.

Así mesmo, pide que convoque novamente á embaixadora de Marrocos en España ante a reiteración das reivindicacións sobre Ceuta e Melilla por parte do seu goberno.

O deputado do PP incidiu en que "o ministro coñecía a ameaza" da entrada masiva, pero non reforzou a fronteira e logo "mentiu" ao dar datos sobre a crise.

Polo PSOE, o deputado Vicente Montávez dixo que a proposta do PP non reflicte a situación completa en Ceuta, onde por exemplo hai 2.000 nenos e nenas sós aos que hai que atender, e deixou claro que a lei de estranxeiría prevé que "cando un territorio non pode máis, o resto non mira cara a outro lado".

"Polas mañás bágoas para Ceuta, pola tarde recursos contra Ceuta", resumiu sobre a actitude do PP. "Iso non é política, é cinismo", concluíu.

Tamén criticou que o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, escribise hai uns días unha mensaxe coa frase "témoslles onde queremos", xa que non fala de persoas senón de "un taboleiro".

Rexeitada a moción de Vox que pedía suspender o tratado con Marrocos

A que non saíu adiante foi a moción de Vox, votada hoxe pero debatida onte, que, entre outras cousas, pedía suspender de inmediato a aplicación do Tratado e Amizade, Boa Veciñanza e Cooperación con Marrocos, vixente desde 1991.

Defendida polo deputado Ignacio Gil Lázaro, a iniciativa foi rexeitada por 33 votos a favor, 174 en contra e 137 abstencións.

Gil Lázaro denunciou a situación límite de Ceuta e dos seus cidadáns, "secuestrados na súa propia cidade", "sometidos a unha delincuencia disparada" e cos "invasores campando ás súas anchas e cada vez máis agresivos".

A moción pedía ao Congreso que rexeitase expresamente toda pretensión "anexionista" de Marrocos e ao Gobierno que procedese á expulsión de "todos os invasores e á devolución inmediata de todos os menores". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade