Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Fiscalía pide investigar o delegado do Goberno en Ceuta por posible falta de prevención

A Fiscalía pide investigar o delegado do Goberno en Ceuta por posible falta de prevención

O ministerio fiscal cre que debe determinarse se existiron actuacións ou omisións penalmente relevantes por parte de Miguel Ángel Pérez

Arquivo/Reuters Arquivo/Reuters
G24.gal 16/09/2026 12:07

A Fiscalía considera necesario abordar unha investigación conxunta sobre a entrada masiva de migrantes en Ceuta de finais de xullo, que inclúa a "conduta, intervención ou eventual responsabilidade" do delegado do Goberno ante posibles "omisións relevantes" en materia de "prevención, auxilio ou protección".

A fiscal de Ceuta Silvia Rojas, nun escrito do pasado 8 de setembro, considera que "debe determinarse se existiron actuacións ou omisións penalmente relevantes" e que debe ser a Audiencia Nacional quen o investigue todo no seu conxunto.

Na súa opinión, "a investigación da conduta do delegado do Gobierno esixe examinar conxuntamente as circunstancias nas que se produciu a entrada masiva", a información que tiñan as autoridades españolas, as previsións e medidas adoptadas antes da entrada, os dispositivos de vixilancia, contención, auxilio e recepción, as ordes impartidas polas autoridades competentes, así como "a eventual existencia de omisións relevantes en materia de prevención, auxilio ou protección".

Con estes argumentos, a Fiscalía de Ceuta apoiou que a Audiencia Nacional inclúa na súa investigación aberta sobre o ocorrido os días 30 e 31 de xullo as denuncias sobre a "conduta, intervención e eventual responsabilidade" do delegado do Goberno en Ceuta, Miguel Ángel Pérez.

A maxistrada que dirixe a investigación na Audiencia Nacional, María Tardón, asumiu esta semana as dilixencias abertas nun xulgado de Ceuta tras unha querela de Hazte Oír contra o delegado do Gobierno, e agora debe decidir se o chama a declarar como investigado.

Tardón busca esclarecer as entradas masivas ao detectar unha "conduta delituosa presuntamente cometida no estranxeiro que atacou gravemente a integridade territorial de España" cunha "clara e indubidable xestión favorecedora" desde Marrocos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade