Asaltan un bar en Lugo e levan os cartos para o cambio da rexistradora
O botín non foi moi cuantioso, uns 500 euros; peor foi o regueiro de estragos que o ladrón deixou tras a súa visita
Faltaban uns minutos para as sete da mañá cando saltou o aviso do sistema de seguridade, parecía unha falsa alarma, pero non o era, e as cámaras de seguridade enseguida captan o ladrón.
"Chamáronme da empresa de alarmas, que se oía un ruído de cristais. Ao principio non lle demos importancia, pero na segunda chamada xa me dixeron que había unha persoa dentro. Estaba só e tiña que ser moi miúdo para caber por onde entrou", explica o dono do bar, Juan Carlos Rego.
Entrou por un burato da porta e unha vez dentro foi directo á caixa rexistradora.
"Rompeu o cristal, moveu a máquina comecartos, tirou o ordenador e levou os 500 euros do cambio que había na caixa", di Juan Carlos.
Tiña présa ou andaba despistado, xa que ao lado estaba o bote cos cartos da lotaría e non o levou. Si intentou rebentar a máquina de apostas, pero tampouco o conseguiu.
"Tocou esta noite, igual foi polo fútbol", é o que pensa o dono do bar.
O domingo á tarde o negocio estivo cheo toda a tarde con clientes que foron ver o fútbol, cre o dono que ao mellor o ladrón pensou que ían deixar a recadación no local, porque nos once anos que leva a fronte do negocio é a primeira vez que lles entran roubar.