A Garda Civil percorre as vilas do país dando charlas para previr estafas a maiores
Os axentes dan consellos para evitar caer na trampa dos estafadores
Erville, en Mos, foi o lugar elixido este mércores pola Garda Civil para a campaña informativa para evitar estafas a maiores.
Non facilitar datos persoais e non premer nos enlaces que se envían ou non facilitar o DNI a calquera son algúns dos consellos clave que lles deron aos maiores.
Facer todas as xestións que poidan de xeito presencial sobre todo as bancarias. Non facilitar datos por teléfono. Non deixarse levar polas urxencias. Confirmar que os pagamentos cos provedores se están a facer nas contas bancarias habituais. Son algúns dos consellos que a Garda Civil lles dá aos maiores para que non piquen nas variadas e intensas estafas que os ameazan.
Todas as prevencións son poucas. Hai estafadores que conseguen chamar desde o propio teléfono do banco, hainos que poden clonar o teléfono. E tamén hai xente moi previsora que activa as tarxetas só cando as usa, e confirma con familiares próximos se o seu fillo, a súa neta ou o seu sogro necesitan cartos ou llelos está pedindo un estafador.
A Garda Civil lembra que segue vixente o consello de que ninguén dá pesos a catro pesetas.