Catoira sofre un novo roubo de cable de cobre
É a terceira vez en un mes que os cacos rouban cable en Catoira e que deixan a zona sen iluminación pública
Un novo roubo de cable en Catoira empeza a preocupar, e non pouco, o Concello e a veciñanza. En menos dun mes é a terceira vez que os cacos rouban cable e deixan sen iluminación pública as zonas próximas onde actúan.
Este mércores operarios do Concello traballaban arreo para repoñer a iluminación pública do parque empresarial. Durante a fin de semana, e por terceira vez en menos dun mes, os cacos roubaron uns tres quilómetros de cable.
Desta volta o roubo afectou ás empresas do parque e a unha ampla zona de casas. Medra a preocupación entre a veciñanza ante a posibilidade de que se repita en calquera parte.
Novamente desde o Concello piden á veciñanza que avisen ante calquera movemento sospeitoso e á Garda Civil máis vixilancia.
Agardan ter restablecida a iluminación nos próximos días. Á espera de facer un cálculo total do subtraído e da reparación, para este concello pequeno o novo roubo supón un gran custo económico, ao que lle teñen que sumar os 6.000 euros dos roubos anteriores.