Europa obrigará a que os móbiles sexan máis sostibles e reparables
A directiva fomenta unha economía circular no ámbito dos dispositivos móbiles
Os fabricantes teñen que garantir repostos durante varios anos, facer baterías máis resistentes e garantir unha actualización de software durante máis tempo
Europa quere teléfonos móbiles máis duradeiros e fáciles de reparar. Para iso impulsa novas leis que obriguen os fabricantes a asumir responsabilidades. O obxectivo: aforrarnos custos aos consumidores e reducir a montaña de lixo electrónico.
A normativa europea vai implicar cambios importantes no xeito de fabricar teléfonos móbiles. O obxetivo é que se poidan reparar as partes que fallan para alongar a vida útil do dispositivo.
"Iso supón obrigas para os fabricantes que teñen que ter pezas a disposición dos consumidores e facilitar na fabricación destes dispositivos a súa reparación", explicou Enrique García, voceiro da Organización de Consumidores e Usuarios.
Agora cando detectamos un fallo no móbil é bastante común que o técnico nos indique que custa máis o arranxo que un terminal novo. E os máis dos problemas xorden cando remata a garantía legal. Bruxelas aprobou o regulamento do ecodeseño que dará paso a unha xeración de teléfonos máis sostibles
"Hai que fomentar unha economía circular nunha Unión Europea que non é rica precisamente en materias primas para a fabricación deste tipo de dispositivos. Por iso se regulou a través dunha directiva que pronto se transporá en España, o dereito a reparar", asegurou o voceiro da OCU.
Ademais, os dispositivos terán etiquetas en que se informe sobre cuestións como a eficiencia enerxética, a duración da batería, a resistencia a caídas ou a facilidade de reparación.