Os narcos detidos na Arousa ocultaban a droga en mercantes e extraíana mediante propulsores submarinos
Os narcos detidos na Arousa ocultaban a droga en mercantes e extraíana mediante propulsores submarinos
Os oito detidos quedaron xa en liberdade, tres delas con obriga de comparecer mensualmente no xulgado
A través deste método os narcos pretendían introducir 120 quilos de droga en Marín e outros 200 en Vigo
As oito persoas detidas o pasado mércores na provincia de Pontevedra, fundamentalmente na zona da Arousa, formaban parte dunha organización dedicada a recuperar cocaína que chegaba a Galicia oculta en buques mercantes.
Para facerse coa droga, que chegaba aos portos de Marín e Vigo, os integrantes desta rede utilizaban equipos de mergullo tipo seascooter, artefactos que permiten percorrer con propulsión longas distancias a gran velocidade baixo a auga aínda que as condicións marítimas sexan adversas.
"Son como motos acuáticas submarinas que se usan para o mergullo e que permiten a extracción total de droga nunha soa manobra", explicou este venres nunha comparecencia de prensa o xefe da unidade do Greco en Galicia, Emilio Rodríguez Ramos.
Os investigadores detectaron un "aumento importante" deste novo tipo de métodos para introducir droga en Europa. "Neste caso non necesitan un barco concreto", destacou Rodríguez, xa que empregan buques de grandes navieiras que transportan mercadorías legais entre América do Sur e España e que "non están vinculadas en ningún momento" a esta actividade delituosa.
Segundo explicou o xefe de sección de Udyco Vigo, Iago García Pascual, estas redes "están a explorar novas vías" para importar droga, tratando de "abaratar custos", "maximizar beneficios" e buscar unha menor implicación humana".
Este foi o método empregado pola operación desenvolvida pola Policía Nacional que permitiu interceptar un barco portacontedores que arribou ao porto de Marín na madrugada do pasado 21 de febreiro con 120 quilos de cocaína baixo a liña de flotación.
Os axentes incautáronse de 150 gramos de cocaína, 70 gramos de heroína, e 100 gramos de haxix e interviñeron numerosos equipos profesionais de mergullo nos cinco rexistros domiciliarios practicados.
Este mesmo sistema utilizaron recentemente noutro barco que atracou no porto de Vigo con 200 quilos de droga, aínda que os responsables policiais aseguraron que ambas as operacións non están relacionadas.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, felicitou as forzas de seguridade e mandou unha mensaxe aos narcotraficantes. Aínda que recoñeceu que "sempre van tecnoloxicamente por diante", as forzas e corpos de seguridade "están atentos e traballan para diminuír esa brecha".
Sete dos oito detidos pasaron este venres a disposición xudicial e quedaron en liberdade logo de declarar no Xulgado de Instrución númer 2 de Vilagarcía.
O Xulgado determinou que os detidos sexan investigados por un presunto delito contra a saúde pública por tráfico de drogas e por pertenza a organización criminal, aínda que este último ilícito non se aplica a todos os arrestados.
Ningunha das partes solicitou outro tipo de medidas contra os investigados, segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A oitava persoa detida nesta operación xa quedara en liberdade tras declarar ante a Policía Nacional, engadiron as fontes.
A operación, dirixida pola Fiscalía Especial Antidroga de Pontevedra, continúa aberta e non se descarta que se produzan novas detencións nas próximas horas.