Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres galegos entre os dez fuxitivos máis buscados en España

Tres galegos entre os dez fuxitivos máis buscados en España

Daniel Vázquez Patiño, coruñés; Juan Miguel García Santos, de Vilanova de Arousa (Pontevedra), e Martiño Ramos Soto, natural de Ourense, son os delincuentes galegos máis buscados de España

A Policía Nacional solicita a colaboración cidadá: Calquera indicio ou dato sobre os fuxidos pode ser comunicado de forma confidencial á dirección de correo electrónica losmasbuscados@policia.es

Todos son reclamados por delitos graves, como asasinato, agresións sexuais, narcotráfico, roubos ou trata de seres humanos

Imaxe dos rostros dos fuxitivos
G24.gal 24/11/2025 09:22

A Policía Nacional solicita a colaboración cidadá para deter os dez fuxitivos máis buscados en España, todos eles reclamados por delitos graves, entre os que figuran un asasino, agresores sexuais, narcotraficantes relevantes, ladróns ou individuos reclamados por trata de seres humanos.

As imaxes que desde este luns difunde a Policía para que a cidadanía poida achegar pistas inclúen, ademais de fotografías reais, outras xeradas mediante intelixencia artificial nas que se recrean cambios que se puideron realizar os prófugos para modificar a súa aparencia e evitar ser recoñecidos.

Calquera indicio ou dato sobre estes fuxidos pode ser comunicado de forma confidencial á dirección de correo electrónica losmasbuscados@policia.es.

Durante o ano 2024 a Sección de Localización de Fuxitivos, xunto ao resto de equipos da rede nacional, participou na detención de 460 prófugos da xustiza por distintas reclamacións tanto nacionais como internacionais.

Agora, A Policía incide en localizar e arrestar estes dez fuxidos da Xustiza en España, aos que se considera moi perigosos:

1.- Daniel Vázquez Patiño. Natural da Coruña e de 46 anos, reclamado por abusos e agresións sexuais a unha nena de 10 anos. A súa complexión é obesa, ten o cabelo castaño con entradas, mide 1,70, ten a pel branca e os ollos marróns.

2.- Jesús Manuel Heredia Heredia, alias El Pantoja e natural de Alxeciras (Cádiz), de 40 anos. Considérase un dos maiores traficantes de droga da historia de España, é líder do clan de Los Pantoja, está vinculado ao narcotráfico no Campo de Xibraltar e considérase discípulo de Abdellah El Haj, coñecido como o Messi do haxix. De complexión obesa, 1,80 de altura, pel morena, ollos marróns e pelo escuro con entradas.

3.- Juan Herrera Guerrero, natural de Puente Genil (Córdoba), de 53 anos. Reclamado por abusos e agresións sexuais a menores. Mide 1,73, é de complexión atlética, cabelo castaño, pel branca, ollos marróns e pode utilizar lentes graduadas.

4.- Juan Miguel García Santos, de Vilanova de Arousa (Pontevedra), de 51 anos. Buscado por tráfico de drogas, é considerado o cerebro dunha armazón de narcotráfico galego e está implicado no envío de cocaína desde Ecuador camuflada en cargamentos de plátanos. A súa complexión é obesa, ten o cabelo negro, pel branca e ollos negros.

5.- Manuel Rodríguez López, de Barcelona, ten 63 anos. Acumula múltiples requisitorias por roubos con violencia, posesión ilícita de armas, lesións e quebrantamento de condena. Ten unha altura de 1,75, é de complexión delgada, cabelo canoso, pel branca e ollos marróns.

6.- Martiño Ramos Soto, natural de Ourense, de 50 anos. Era profesor e está condenado a 13 anos de prisión por abusos sexuais a unha alumna menor de idade, mediante prácticas sádicas, cando a vítima tiña entre 12 e 16 anos. A súa complexión é delgada, ten a pel morena e o cabelo canoso e rizado, con ollos marróns.

7.- José María Pavón Pereira, de Huelva e de 52 anos. Está condenado a 41 anos de prisión polo asasinato con aleivosía e asañamento de dúas persoas en Granada. Ten complexión atlética, mide 1,65, o seu cabelo é moreno, te pel branca e ollos negros.

8.- Ionut Ramon Raducan, alias Florin. É natural da cidade romanesa de Tecuci e ten 33 anos. Atópase condenado por trata de seres humanos con fins de explotación sexual e laboral, nun caso no que obrigou á súa irmá menor e á súa parella a prostituírse no Polígono Industrial Marconi (Madrid). De complexión atlética e unha altura de 1,72, ten o cabelo castaño e a pel branca.

9.- Julio Herrera Nieto é de Sancti-Spiritus (Salamanca), ten 56 anos e está reclamado por tráfico de drogas, posesión ilícita de armas e branqueo de capitais. Atoparíase vinculado a un grupo criminal de provedores e distribuidores de heroína e cocaína a pequenos consumidores da zona de Plasencia e arredores. A súa complexión é atlética, mide 1,73, con ollos claros e é calvo.

10.- Sergio Jesús Moura Carrasco, alias Yeyo. De Huelva e con 48 anos, está considerado un dos maiores traficantes de drogas de Europa e, acusado de tráfico de drogas e branqueo de capitais, está especializado no transporte marítimo de haxix mediante lanchas rápidas. A súa complexión é obesa e mide 1,72, con pel branca, ollos marróns e cabelo escuro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade