A Garda Civil incáutase de 175 quilos de vieiras e 25 de centola en Mugardos
A incuatación produciuse cando axentes da Garda Civil de Mugardos e de Fene estaban realizando unha operación de vixilancia e prevención do furtivismo
Os axentes interceptaron o vehículo no que viran cargar o marisco ilegal
O marisco incautado no maleteiro do coche. Foto: Garda Civil
A Garda Civil do posto de Mugardos en colaboración coa Garda Civil do posto de Fene incautáronse de 175 quilogramos de vieiras e de 25 de centolas en Mugardos.
Os axentes das dúas dotacións estaban facendo labores de vixilancia e prevención do furtivismo nos arredores de Mugardos cando observaron como tres persoas se apeaban dun vehículo e se distribuían nas proximidades do mesmo en actitude vixiante, actitude que lles pareceu sospeitosa ás patrullas da Benemérita.
Ao pouco tempo de chegaren os tres homes no vehículo saíu da auga un cuarto home portando varios vultos voluminosos, que meteron no maleteiro do vehículo, segundo relata a Garda Civil. Engade a nota da Benemérita que nese momento os homes dividíronse en dous grupos. Dous homes marchan a pé, un dos cales abandona a zona a pé, e os outros dous entraban no coche e arrancan no turismo, que inicia a marcha.
Foi entón cando os axentes interceptaron o vehículo para inspeccionalo. No maleteiro acharon bolsas de rede grandes con vieiras no seu interior e outra con centolas, unha botella de mergullo e un cinto de chumbos.
Interceptado o marisco e o material, a Garda Civil solicitoulle ao Servizo de Gardacostas da Xunta a pesada das especies aprehendidas; en total, 175 quilogramos de vieiras e 25 de centolas.
Marisco incautado pola Garda Civil en Mugardos. Foto: Garda Civil