As entregas das compras en liña sofren atrasos pola guerra en Irán
Amazon e as plataformas chinesas Temu, Shein e Aliexpress advirten de demoras nos envíos
As restricións nas rutas por mar e aire en Oriente Medio encarecen os envíos que veñen de Asia e os paquetes tardan máis en chegar
O comercio global entre Asia e Europa sofre os efectos do conflito en Oriente Medio. Afecta as principais plataformas de venda electrónica, nomeadamente as chinesas Temu, Shein e AliExpress pero tamén a estadounidense Amazon. Os compradores xa notan as demoras.
"Fixen un pedido hai unha semana e nunha frecuencia normal debería chegar xa á miña casa, nunha semana e pico, pero non". "Adoito mercar sobre todo en Amazon e non tarda máis, eu non o noto". "En Shein e en Temu, en Temu tarda máis".
As empresas loxísticas garanten polo de agora a subministración, pero advirten de demoras nas entregas que poden acadar as catro semanas.
"Dúas semanas, trece días ou quince días hábiles e antes eran seis días máximo, agora o dobre". "Agora pedín hai unha semana e aínda non chegou. Debería pero non está chegando".
As restricións por mar e aire alongan os tránsitos e encarecen os custos de transporte. Os buques buscan alternativas ao bloqueo do estreito de Ormuz e tamén evitan o canal de Suez rodeando o continente africano.