Un restaurante lucense amosa o despezamento tradicional dun atún de 170 quilos
Un chef especialista en sushi amosou aos comensais a arte milenaria de corte do atún vermello
Un ritual da cultura xaponesa que require un traballo manual experto e que se coñece como ronqueo
Os amantes da cociña asiática tiveron en Lugo unha experiencia excepcional: asistiron ao despezamento e degustación dun atún vermello de 170 quilos capturado no Atlántico.
A exhibición tivo lugar no restaurante Full Sushi, onde amosaron a técnica de corte manual do atún, que é coñecida como ronqueo polo son que fai o coitelo cando pasa polo espiñazo do peixe.
"É a primeira vez que se amosa ao público lucense como se despeza un atún de 170 quilos. Un peixe que pode acadar ata os 600 quilos. Foi un evento excepcional en Lugo", di Iván Ruan, emprendedor e copropietario do negocio.
"O peixe é descabezado e sepáranse os lombos e partes nobres máis apreciadas, como a ventrecha e o morro", explica o chef Chuben L, con quince anos de experiencia na eleboración de sushi.
Aprovéitase ao máximo o atún, os músculos, as vísceras e ata a pel. Cada parte da peza de atún vermello ten diferentes texturas e infiltración de graxa, acaídas para as variadas elaboracións de sushi.
Clientes e creadores de contidos culinarios puideron degustar catro pratos elaborados con esta peza de atún.
"Sashimi, tataki, tartar, niguiris, e moitos máis pratos", di Iván Ruan.
Neste restaurante lucense ofrecen máis de 200 elaboracións de cociña asiática, unha experiencia gastronómica que é tendencia e que inclúe a preparación dos pratos á vista dos comensais.