Publicador de contidos

Publicador de contidos

As prazas énchense de peixe despois da parada polos temporais

As prazas énchense de peixe despois da parada polos temporais

O regreso á actividade das frotas nótase nos prezos, que comezan a baixar

O que escasea é o marisco de cuncha, morto pola auga doce das borrascas

 

 

 

G24.gal 24/02/2026 14:10

Foron moitas semanas sen poder ir ao mar e agora que calmaron os temporais o peixe regresa con forza ás prazas.

"Xa sabiamos que cando houbera calma no mar, como pasa esta semana, ía saír todo o peixe para fóra e xa contabamos coa baixada de prezos que vedes na maioría dos productos", explica Santiago Pesqueira, de Peixes Cachadas, da praza de Pontevedra.

"Baixaron pola novidade de que volveu o peixe, pero deberían baixar algo máis", engade Dolores Bua, de peixes Mora de Vilaxoán. 

En maior ou menor medida, os prezos comezaron a baixar e algunhas especies están no seu mellor momento. Tomen nota.

"O chincho, a xouba, o rapante que estaba moi caro baixou e está boísimo todo gordiño coas ovas", comenta Margarita Barreiro Pérez, de peixes e mariscos Margarita. 

"O peixe sapo de quilo estaba a 16 euros e agora baixou a 12 e 11 euros nalgúns postos"

Animados pola diversidade e os prezos, son moitos os que, despois dos excesos do Entroido, cambian o cocido polo peixe.

"Moito cocido e carne comimos porque non había peixe e estaba caro. Pero hoxe parece que xa teñen moito máis peixe".

A abundancia de peixe despois dos temporais contrasta fortemente coa escaseza de marisco de cuncha. Ameixas, berberechos ou navallas morreron masivamente coa entrada de auga doce, e os postos que se dedican a eles están practicamente baleiros.

"A miña sobriña é mariscadora e está no paro, morreulles todo".

"O de cuncha escasea porque afectou ao 90 %, co auga doce morreu o do fondo da ría".

"Ameixa galega hai moi pouca e a prezo de Nadal".

Sexa para mercar peixe ou marisco, o que si aumentou é a afluencia de visitantes nas prazas. O tempo seco animou o ambiente e as vendas despois do parón das borrascas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade