Sentenza pioneira contra a reduflación: condenan a Milka por poñer menos chocolate no paquete
Un tribunal de Bremen castiga a empresa por enganar os compradores ao non informar debidamente do cambio
En España, as asociacións de consumidores denuncian que se reduciron as cantidades en moitos produtos
Alguén estaba a rir dos consumidores... e non era a vaca.
Un tribunal de Bremen, en Alemaña, acaba de condenar a Mondelez International, o fabricante do coñecido chocolate Milka, por vender o produto de sempre con menos cantidade.
Unha asociación de consumidores denunciou que os envoltorios pasaran de ter 100 a 90 gramos e que non se informara debidamente da modificación.
Polo contrario, o paquete era idéntico e había que fixarse na cifra do peso para descubrir o cambio. Por iso, o tribunal castiga a empresa por práctica enganosa, porque considera que voluntariamente tratou de confundir os compradores.
"Non pode ser que dun día para outro pase a ter noventa gramos co mesmo envase e co mesmo prezo porque eu directamente estou a subir o prezo e estou a inducir ao consumidor a que adquira un produto que variou o prezo", explica Olalla Carballo, avogada especialista en dereito de consumo.
Iso é a reduflación, reducir a cantidade de produto que se pon á venda mantendo o prezo anterior.
Tamén pode acontecer nun servizo se se cobra o mesmo que antes pero se ofrece menos.
En realidade, por suposto, nun mercado libre, unha empresa pode variar a cantidade nos seus produtos. O irregular é facelo sen avisar.
Hai anos que distintas asociacións de consumidores veñen denunciando que é unha práctica que se aplica en diferentes artigos. Moita xente nótao no día a día.
"Antes cando comprabamos patacas, de cativos, eran bolsas cheas ata arriba. Agora están pola metade, ou menos", asegura un mozo á porta dun supermercado de Vigo.
"Nas galletas dos nenos antes metían ao mellor seis en cada envoltorio e agora meten cinco", engade outra muller que sae de facer a compra.
España non conta aínda cunha regulación específica contra a reduflación pero o Goberno aprobou un anteproxecto de lei para perseguir esta fraude, dentro dunha serie de medidas para frear as prácticas enganosas. A previsión era que se aprobase definitivamente este ano.