Publicador de contidos

Publicador de contidos

A pesqueira Congalsa compra a vietnamita LS Vietnam para garantirse ameixa premium

A pesqueira Congalsa compra a vietnamita LS Vietnam para garantirse ameixa premium

A compra está pendente da obtención das autorizacións correspondentes por parte das autoridades vietnamitas e doutras partes implicadas

O volume anual de facturación da compañía asiática supera os 16 millóns de euros e o seu persoal conta con máis de 200 persoas

Congalsa, que facturou 179 millóns de euros en 2025, xa adquirira no ano 2020 a portuguesa Sulpasteis e desde 2024 forma parte do accionariado da asturiana Yatecomeré

 

Imaxe de arquivo das intalacións de Congalsa Imaxe de arquivo das intalacións de Congalsa
G24.gal 28/02/2026 11:22

O grupo empresarial galego de produtos do mar conxelados Congalsa anunciou este sábado a adquisición do 100 % da compañía vietnamita Lenger Seafoods Vietnam Ltd. (LS Vietnam), o que lle permitirá garantirse unha subministración estable de ameixa premium.  A empresa galega non concreta o importe da operación.

A operación, segundo explica a compañía nun comunicado, está pendente da obtención das autorizacións correspondentes por parte das autoridades vietnamitas e doutras partes implicadas, polo que non será efectiva ata que esas aprobacións sexan definitivamente formalizadas.

Congalsa sostén que "esta adquisición fortalece a súa posición internacional no continente asiático e reforza a súa división industrial".

A firma coruñesa, cuxa sede está na Pobra do Caramiñal, sinala que LS Vietnam está especializada no procesamento e exportación de ameixa e outros produtos do mar e asegura que destaca polo seu "firme compromiso coa sustentabilidade, a rastrexabilidade e a excelencia produtiva".

O volume anual de facturación da compañía asiática supera os 16 millóns de euros e o seu persoal conta con máis de 200 persoas.

A empresa vietnamita, fundada en 2006, dispón de acceso directo a fontes excepcionais de materia prima, o que garante unha subministración constante e estable de ameixa premium, advirte Congalsa.

Para a formalización da operación de compra de LS Vietnam, Congalsa contou con apoio da financeira Cofides e co asesoramento de firmas especializadas en operacións internacionais.

A firma galega, que facturou 179 millóns de euros en 2025, xa adquirira no ano 2020 a portuguesa Sulpasteis e desde 2024 forma parte do accionariado da asturiana Yatecomeré.

Congalsa comezou a súa actividade en Ribeira en 1980 especializándose na elaboración de productos precociñados a base de pescado, segundo contan na súa páxina web. No 2006 abriu un novo frigorífico en Canarias. En 2019 inauguran a fábrica de fileteados da Pobra do Caramiñal e no 2020 un novo frigorífico. En 2022 Congalsa acada do selo EFQM 600 da Fundación Europa para a Xestión da Calidade.

Na actualidade despois de 30 anos de historia, Congalsa ten 5 plantas de produción, máis de 70 liñas de producto e unha capacidade productiva de 60.000 Tn .

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade