Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os VII Premios Ardán distinguen 14 empresas galegas pola súa excelencia

Os VII Premios Ardán distinguen 14 empresas galegas pola súa excelencia

Os galardóns, que promove a Zona Franca de Vigo, entregaranse o 4 de xuño

As empresas recoñecidas lograron reunir 4 ou máis indicadores de competitividade e calidade

O Premio Especial á Traxectoria recae este ano na Corporación Abanca

G24.gal 26/05/2026 17:48

O Auditorio Mar de Vigo celebrará o 4 de xuño a gala de entrega dos VII Premios Ardán á Excelencia Empresarial, que este ano recoñecerán 14 empresas galegas, que lograron reunir 4 ou máis indicadores de competitividade e calidade.

As empresas que este ano recibirán os premios, impulsados polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, na modalidade de excelencia consolidada, son Ceamsa, Cuvida, Hermasa, Optase Solutions, RodaVigo, e Torus Software Solutions. Así mesmo, serán recoñecidas polo seu liderado emerxente Borgwarner Emissions Systems Spain, CZ Vaccines, Grupo Bermúdez & Solution, Ictel Enxeñeiros, Inasus, Náutico de San Vicente, Quobis Networks e Velneo.

Por outra banda, outorgarase o Premio Especial pola súa traxectoria á Corporación Abanca, pola súa contribución ao desenvolvemento do tecido empresarial.

Estes premios, explicou do delegado de Zona Franca, David Regades, non só serven para recoñecer as empresas e os seus traballadores, senón tamén para "cimentar" o tecido empresarial futuro, e subliñou que, en base ao cumprimento de indicadores de excelencia, reflicten que "se pode competir ao máximo nivel de Galicia".

As empresas recoñecidas, de diferentes sectores e tamaños, sitúanse entre as mellores polo cumprimento de criterios de talento, produtividade, sustentabilidade, innovación ou igualdade de xénero, entre outros indicadores, segundo explicou Susana Lama, responsable do equipo Ardán da Zona Franca.

Lama lembrou que os premios se outorgan a partir dun estudo do desempeño das empresas, en base ao informe anual Ardán, que recolle datos dunhas 45.000 empresas. O recoñecemento, por tanto, non é unha cuestión subxectiva ou de opinión, senón que responde a indicadores obxectivos moi esixentes e cada ano só entre o 3 e o 4% das empresas logran superar o limiar dos 4 indicadores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade