Publicador de contidos

Publicador de contidos

A fundición de Arcos da Condesa elabora campás ao xeito tradicional dende 1630

A fundición de Arcos da Condesa elabora campás ao xeito tradicional dende 1630

Os Ocampo son os últimos mestres campaneiros de Galicia, e os únicos que manteñen o sistema artesanal en España

Traballan con moldes de barro e manteñen o forno de leña para fundir o bronce
G24.gal 09/07/2026 14:16 Última actualización 09/07/2026 15:42

Cando sae fume pola cheminea dos Ocampo, sábese que vai ser unha mañá especial en Arcos da Condesa. Sucede unha ou dúas veces ao ano, e indica que van fundir bronce para facer campás. Son os últimos artesáns que resisten neste oficio, e levan catro séculos instalados en Caldas, creando patrimonio.

"Levo catalogadas máis de 1.600 campás dos Ocampo por toda Galicia, e as que me quedan", comenta o investigador Xosé Troiano. E enumera algunhas das máis famosas: "as de Bastavales, que cantou Rosalía, ou unha de Anllóns, cantada por Pondal". 

Todas, dende 1600, foron feitas co mesmo proceso artesanal: forno de leña, moldes de barro, cobre e estaño. E meses de traballo no deseño para que a campá soe perfecta.

"As medidas son moi importantes", di o fundidor Chicho López Ocampo."Ten que ter máis espesor abaixo, onde dá o badalo, para que non rompa; e ten que ser máis fina no medio, para que vibre", explica.

Esas dimensións son as que definen a sonoridade da campá, di Chicho, sen esquecer "unha boa aliaxe". Eles traballan só con cobre e estaño, para garantir a durabilidade da campá. E aquí garántena para 200 anos

No momento da fundición, os moldes agardan enterrados baixo capas e capas de area. Iso permite que logo as campás arrefríen pouco a pouco, e "collan tempero". Á espera de ter lista a coada, a tensión é máxima.

"Hai varias cousas que nunca fallan, pero poden fallar. Hai que estar moi atentos", di Chicho. "Primeiro que o forno non perda temperatura, que o metal estea ben fundido, que as canles polas que circulará a coada estean ben limpas, ou que nada atasque os buratos polos que enchen os moldes", explica. "Non te podes despistar", conclúe. 

A coada de bronce fundido enche os moldes en cousa de dous minutos cruciais: deciden o traballo e os proxectos de moito atrás. "Levamos ano e medio agardando" di o párroco de Queiruga, que asistiu á fundición da nova campá para a parroquia.

​​​​​​ "Agora a esperar que saia do forno e que estea lista para colocala -di-. Ese día faremos unha festa", celebra. 

En  poucos días, e empezando polas máis pequenas, desenterrarán as campás do foxo do forno. Logo toca pulilas, preparalas e instalalas para que soen, polo menos, durante os dous séculos que veñen.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade