Os aros ou arracadas da Fonsagrada acompañan o traxe tradicional decotío
Outras alfaias tradicionais como brincos e sapos úsanse coas galas
De gandeira a ourive, curiosa evolución para mans tan hábiles como as de Sonia Ares que cortan, púen, funden...ata conseguir que deseños tradicionais das alfaias galegas do século XVIII luzan tan actuais como os aros ou arracadas da Fonsagrada, un deseño histórico da montaña luguesa que emparentan en forma con modelos da Idade Media e prerromanos.
Os meus aros son quitados dun artesán da Fonsagrada, de Elisardo que tamén ten xoiería alí. É unha peza totalmente plana, lisa, entón o puído é moi importante, o peche tamén o é. Non son complexos pero o acabado ten que ser moi puído, cóntanos Sonia.
Decote de prata ou cun baño de ouro, cun reforzo no medio para evitar que se deformen, tamén se coñecen como aros decotío porque se levan co traxe de traballo. De xeración en xeración, decote as nais agasallaban cuns aros as fillas cando casaban ou tiñan o primeiro fillo. Moitas mulleres da bisbarra consérvanos como ouro en pano pero quen non os herdou, cómpraos a ourives coma ela. Reproduce acotío pezas de alto valor sentimental.
Un pendente de lingua de ovella porque só ten un e é herdanza familiar porque foi co que casou a avoa ou un encargo de Barcelona, dunha rapaza de 18 anos que quere reproducir uns aros da Fonsagrada da súa avoa, que é de Becerreá.
Os días de festa ou co traxe de gala, as pudentes, levaban brincos e os correspondentes sapos, colares moito máis traballados, tamén históricos.
Hai sapos e os brincos de diferentes formas: de cometa, de reloxo, de roseira.
Das mans de Sonia saíron moitas das xoias que se verán o domingo no Día da Exaltación do Traxe Galego pero tamén outras das súas coleccións como polbos, silveiras e fentos que lle piden tendas e particulares en toda Galicia e fóra dela.