Neda celebra a calidade do seu pan que segue a facerse ao xeito tradicional
Preocupa a remuda xeracional para un oficio que é a identidade da vila
A finais do século XVI comezaron a funcionar en Neda os fornos onde se elaboraba o pan que abastecía as tripulación das Armadas Reais, un pan do que aínda presume a vila.
"É o mellor do mundo porque se fai coa auga do río Belelle e boas fariñas", asegura Mariluz López, á fronte da panadería Germán.
Tanto como a calidade das materias primas importan os procesos e os tempos de elaboración. Contan as mans que amasan e o traballo sen présas. O resultado é un pan de sabor moi característico, cunha codia crocante e de miolo compacto.
"É natural, vese que ten trigo, non coma outros. Este ten sabor".
"Vaias onde vaias, o pan de Neda é moi nomeado, iso foi de sempre. É un pan tenro, que aguanta fresco dun día para outro.. ten moita virtudes", comentan algúns dos visitantes.
Neda celebra desde 1989 a súa Festa do Pan, aínda que nos últimos anos foron pechando algúns obradoiros.
"É unha mágoa que estean pechando tantas panaderías. Esta feira tiña moita xente e cada vez hai menos", di unha veciña.
É un traballo moi sacrificado, non hai días libres e hai que traballar de noite. A xente nova non quere rachar tanto o lombo", destaca Mariluz.
Preocupa a remuda xeracional para un oficio que forma parte da identidade de Neda e de Galicia.
"O pan que non falte, os galegos queremos o noso panciño para mollar", sentencia unha asistente.
Un pan irrenunciable que ben merece unha festa.