Publicador de contidos

Publicador de contidos

Unha ducia de artesáns manteñen viva a olería de Buño, que celebra a XLI edición da Mostra

Unha ducia de artesáns manteñen viva a olería de Buño, que celebra a XLI edición da Mostra

Exposición, tendas, obradoiros e cocedura de pezas no forno tradicional serán os reclamos desta edición da Mostra

As mans de Aparicio, o oleiro en activo máis veterano de Buño
G24.gal 30/07/2026 14:07

"Eu nacín aquí, meus pais eran oleiros, meus avós eran oleiros, todos os meu antepasados foron oleiros" di Aparicio Añón, no seu taller de Buño. Calcula que el é a novena xeración de oleiros na familia, e  traballa igual que os que o precederon, e coma quen o sucederá: auga, boa man e barro de Buño, famoso pola súa calidade e resistencia á calor.

Aparicio é o oleiro en activo máis veterano da vila, leva máis de sesenta anos no taller, e lembra cando en Buño había máis dun cento de artesáns neste oficio. "Facíase olería para toda Galicia -recorda-, facíase todo de uso doméstico, para utilizar, pezas como pratos, cuncas, xarras, etc". Despois, "aló polos anos 80", conta que foi cambiando a produción, cara pezas "máis decorativas, máis tipo souvenir".

Seu fillo Gonzalo, tamén oleiro, conta que a cerámica decorativa representa hoxe o 70 por cento da produción do taller, pero di que hai pezas tradicionais que seguen tendo éxito: "o botixo de rosca ou de timón, o falsete, a viradeira, as tarteiras, ou as cuncas do caldo, son pezas que aínda se venden moi ben a día de hoxe".

Hoxe quedan cousa de dez talleres de cerámica en Buño. Véndese ben, pero din que custa atraer vocacións. "Xente nova que queira iniciarse no oficio hai pouca", di Gonzalo Añón. "É un oficio que leva tempo aprender, no torno hai moito tempo de aprendizaxe, e será por iso que non hai xente que se anime a meterse no oficio", lamenta.

Os que o manteñen vivo seguen facendo del o motor económico e turístico de Buño. E ese motor chega ao máximo coa Mostra de Olería, que se celebra cada ano. 

"Son as datas en que máis xente nos visita" di a vicepresidenta da asociación de olería, María Canedo. "Temos música, exposición, postos onde podes ver o traballo de todos os oleiros, e apreciar as diferenzas entre eles -explica-, este ano coincide ademais coa festa da carroa, da cocedura tradicional no forno do Forte"

A XLI edición da Mostra Oleira de Buño celébrase entre o 30 de xullo e o 2 de agosto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade