Renfe porá trens especiais este xoves para os que non puideran viaxar ao suspenderse a circulación polos incendios
Renfe porá trens especiais este xoves para os que non puideran viaxar ao suspenderse a circulación polos incendios
Renfe porá trens especiais para as persoas que non conseguiran viaxar este mércores a causa dos incendios forestais.
Así o confirmou nas súas redes sociais despois de suspender definitivamente durante este mércores a circulación ferroviaria entre Galicia e Madrid pola evolución do incendio entre A Mezquita e A Gudiña, en Ourense.
Se o incendio está controlado, este xoves prestaranse ademais os servizos programados en calquera xornada normal.
As estacións galegas e a de Madrid Chamartín permanecerán abertas toda a noite para acoller os viaxeiros que non puideron desprazarse.
‼️ACTUALIZACIÓN 22:00 HORAS
— InfoRenfe (@Inforenfe) August 13, 2025
➡️ Si el incendio está controlado, mañana se prestarán los servicios programados
➡️ Habrá trenes especiales para quienes no hayan viajado hoy.
Durante a tarde técnicos de Adif inspeccionaron a infraestrutura para avaliar unha posible reactivación do servizo, pero esta opción quedou descartada. A suspensión provocou acumulación de pasaxeiros en Chamartín, que puideron cambiar ou anular os seus billetes sen custo.
O lume obrigou a deter a exploración da vía
O presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, indicou en X que as lapas se reactivaron e foi necesario suspender a exploración da vía. A circulación quedou interrompida desde as 14:43 horas deste mércores entre Vilavella, no concello da Mezquita, e Porta de Galicia, na Gudiña.
Por petición dos bombeiros, a infraestrutura permanece sen tensión entre Seabra Alta Velocidade e Miamán. Os trens con orixe en Madrid só chegan ata Zamora, mentres que os que parten de Galicia finalizan o traxecto en Ourense.
Renfe recordou que todos os billetes comprados para esta xornada nos trens entre Galicia e Madrid poden ser cambiados ou anulados sen custo.
Arredor das seis e media da tarde restableceuse a circulación na autovía A-52 (Benavente-Vigo) e na N-525, cortadas en ambos sentidos durante horas a causa dos incendios que afectan a provincia de Ourense.
A provincia de Ourense segue en situación 2 de emerxencia desde o martes polos numerosos incendios que se decretaron.