A Xunta aproba o convenio para limpar franxas secundarias, pese ao rexeitamento da Fegamp
O convenio suporá un gasto de 100 millóns en catro anos
O Consello da Xunta deu luz verde este martes ao convenio para a consolidación do sistema público de xestión e limpeza da biomasa nas franxas secundarias, que se eleva a 100 millóns de euros durante catro anos.
A aprobación do executivo autonómico prodúcese pese ao rexeitamento da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), polo que os concellos deberán adherirse de forma individual.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou na comparecencia posterior á reunión co seu equipo que a proposta non conte co apoio do ente representativo dos municipios galegos, aínda que remarcou que o rexeitamento se formalizou cun 60 % dos alcaldes que o apoiaron.
“Laméntoo moito, coincide coa representación política dos que alí votaron”, lembrou Rueda sobre a entidade supramunicipal que preside o alcalde socialista de Vilagarcía, Alberto Varela.
O presidente da Xunta lembrou que o convenio mellora as condicións do acordo anterior ao que estaban adheridos o 93 % dos concellos galegos.
Pola súa parte, a conselleira do Medio Rural, reprochou á Fegamp que comunicase o seu rexeitamento sabendo que "están en tempo de desconto" para asinalo, xa que se non complicaría "a contratación de persoal e empresas para facer a inspección de franxas que deben estar limpas antes do 31 de maio".