Publicador de contidos

Publicador de contidos

A patronal galega quere baixar entre un e dous puntos o nivel de absentismo en Galicia

A patronal galega quere baixar entre un e dous puntos o nivel de absentismo en Galicia

Segundo un informe das universidades de Santiago e Vigo, Galicia ocupa o segundo lugar entre as comunidades na taxa de ausencia do traballo

As baixas teñen un impacto do 3 % no PIB e un gasto de 2.000 millóns de euros

O economista Santiago Lago avisa de que "non hai unha solución máxica", e apela a buscar medidas no seo do diálogo social

O economista Santiago Lago, o presidente da patronal, Juan Manuel Vieites, e o secretario xeral de Emprego da Xunta, Pablo Fernández, na presentación do informe sobre absentismo (Xoán Rey/EFE) O economista Santiago Lago, o presidente da patronal, Juan Manuel Vieites, e o secretario xeral de Emprego da Xunta, Pablo Fernández, na presentación do informe sobre absentismo (Xoán Rey/EFE)
G24.gal 04/05/2026 13:22

O presidente da patronal galega, Juan Manuel Vieites, fixa a meta de baixar entre un e dous puntos o nivel de absentismo en Galicia, de modo que se achegue á media española para "volver ser competitivos".

En declaracións aos medios con motivo a presentación ante a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) do informe -xa presentado en días pasados- das universidades de Santiago e Vigo sobre absentismo, Vieites chama a "facer os deberes" ao ocupar Galicia o segundo lugar entre comunidades en taxa de ausencia do traballo.

Así, apela a abordar medidas "adecuadas" no marco do diálogo social co Goberno galego, sindicatos e patronal para rebaixar o absentismo "inxustificado". Subliña que "a Xunta quere axilizar isto ao máximo", polo que haberá reunións "en próximas semanas" ao respecto.

Advirte da maior duración e número nas baixas en Galicia respecto á media do país, o que "prexudica" a actividade económica e un impacto no 3 % do PIB.

Cuestionado acerca do aumento da incapacidades temporais (IT) por saúde mental, Vieites apunta que "hai un modelo de sociedade diferente da covid para aquí", no que "as persoas valoran outras cuestións", o que considera "respectable". Iso si, advirte da necesidade de atallar baixas: "Se non, a alternativa témola na tecnoloxía, vai avanzar moitísimo; o traballador terá moito lecer, pero pouco poder adquisitivo".

O economista Santiago Lago avisa de que "non hai unha solución máxica"

O informe da UVigo e a USC cifra en máis de 2.000 millóns de euros o custo en Galicia entre Seguridade Social e empresas. Ademá, sinala un impacto de contorna ao 3 % do produto interior bruto, máis de 2.000 millóns, por tarefas que se deixan de facer por ausencia de traballadores.

Segundo este informe, Galicia rexistra un 7,6 % de absentismo -sen aclarar que parte deste está inxustificado-, por encima da media española (6,3 %) e en segundo lugar entre autonomías, só por detrás das Canarias (8,3 %).

O catedrático de Economía Aplicada da USC, Santiago Lago, que encabeza este estudo, reflexiona acerca de que "hai espazo de mellora", ao ter Galicia o segundo nivel de absentismo máis elevado do Estado. Considera que "queda moito traballo" e que se deben "afinar" medidas, o cal "require consenso social" e "coñecemento técnico".

Avoga por traballar "entre todos" no seo do diálogo social, xa que "España é campioa en Europa en xornadas perdidas" e "Galicia está no segundo posto de España". Aquí apunta que só un terzo das baixas na comunidade galega gardan relación cun maior envellecemento, pero o resto non se explica por este factor.

Tal e como xa expuxo na presentación deste informe en Santiago de Compostela hai 15 días, non se debe aspirar a un absentismo "cero", dado que neste se enmarcan diferentes dereitos adquiridos -como poidan ser baixas de paternidade-, senón que se debe atallar o absentismo que "socialmente non se quere".

Sobre o plan de control de baixas anunciado pola Xunta, Lago deixa claro que "non hai unha solución máxica", pois trátase "dun fenómeno multifactorial", pero ve "lóxico" que se busquen medidas.

"O máis doado cando tes un problema é buscar escusas rápidas e doadas, desgraciadamente no debate políticos estamos instalados nisto e vemos solucións máxica e discursos moi simples que ao final acaban facendo moito dano", razoa.

"Quen identifique isto como un modo de recorte de dereitos, isto é demagoxia". "Isto é como cando tes un problema e non o queres ver, non o queres recoñecer, isto é demagoxia, hai que afrontar os problemas", conclúe Lago.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade