Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Hai marxe para reducir baixas mediante a mellora do benestar laboral e a redución da sinistralidade"

"Hai marxe para reducir baixas mediante a mellora do benestar laboral e a redución da sinistralidade"

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración apela ao diálogo para alcanzar solucións de consenso sobre o absentismo

González destaca o éxito das campañas para captar traballadores entre galegos e galegas no exterior e os seus descendentes e envíalles unha mensaxe: "Se queren emigrar, que a súa primeira opción sexa Galicia"

G24.gal 17/06/2026 10:22 Última actualización 17/06/2026 11:37

José González, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, defende que "hai marxe de mellora" no que respecta ao absentismo traballando en cuestións como o benestar laboral e a redución da sinistralidade.

Nunha entrevista este mércores no programa Bos días, González destacou o impacto que o absentismo ten na economía: "Cuantificado en máis de 4.000 millóns de euros [en Galicia]. Onte mesmo víamos que no conxunto nacional chegabamos aos 33.000 millóns, polo tanto temos un problema".

Nese sentido avanzou o resultado que os traballos anunciados polo presidente da Xunta para elaborar un plan para reducir as baixas. "Falamos cos técnicos do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, con asociacións que teñen que ver coa medicina do traballo, tamén con técnicos sanitarios, coa inspección sanitaria do Sergas, con responsables de recursos humanos de distintas empresas", explicou González.

"E nos eidos en que estamos traballando, fóra das medidas sanitarias que xa foron avanzadas polo presidente da Xunta, e xa se están aplicando, hai moita marxe de traballo, e así o recoñecen os axentes sociais, no que se refire ao benestar laboral, por suposto a sinistralidade, co fin de reducir o número de baixas, evitar baixas, sempre desde o respecto aos dereitos laborais. Aí creo que temos moita marxe de mellora", destacou.

O conselleiro de Emprego puxo data á implantación das medidas: "A nosa idea é poñer en marcha no curso dun mes un plan integral, no que se incorporen as medidas sanitarias, coa xestión e control, e reducir baixas mediante a mellora do benestar laboral, e querémolo facer de xeito consensuado cos axentes sociais que están na mesa do diálogo social".

En canto a ese diálogo, José González afeou a actitude da CIG, quen dixo que "fai sempre do conflito a súa ferramenta, creo que non é o camiño. Falamos dun problema multifactorial, e a única vía para solucionalo ou reducir o seu impacto e mediante o diálogo".

Atracción de traballadores entre a comunidade galega do exterior

O conselleiro, acabado de chegar do Brasil, onde a Xunta levou dúas feiras de emprego para captar traballadores entre galegos e galegas emigrados, ou entre os seus descendentes, interesados en instalarse en Galicia.

"Xa tiveramos moito éxito o ano pasado na Arxentina e no Uruguai, e creo que este ano no Brasil houbo moito interese. O que lles dicimos é que se queren emigrar que a súa primeira opción sexa Galicia"

"A afluencia desbordounos, porque en São Paulo tivemos máis de mil persoas, e en Salvador de Baía máis de cincocentas. A comunidade galega que temos alí é unha comunidade importante, pero a asistencia foi moi por enriba das nosas previsións", destacou González.

"Levamos dúas edicións do programa Retorna Cualifica Emprego e máis de 400 persoas que se veñen coas súas familias. Unhas 600 en total. Traballadores con contratos de traballo indefinidos. Agora nesta edición agardamos ter tamén ese éxito, cunha previsión de 200 persoas. Centrados no Brasil porque a feira fíxose alí, pero tamén de calquera outro sitio, porque o programa está aberto aos galegos do exterior de calquera lugar", explicou o conselleiro.

"Este programa parte de compromisos de contratación. Contamos cuns 800 compromisos de contratación de diferentes empresas galegas e nós o que facemos logo é que sabemos dos galegos e galegas do exterior que queren vir, poñemos en conexión eses currículos, e a xente cando volta, faino xa cos contratos pechados, e nós apoiamos ese retorno con distintas liñas de axudas".

Amais de destacar o traballo na atracción de talento e no de formación para o emprego, González xa avanzou a realización de novas feiras para seguir nesa senda: "Non será este ano, será o ano que vén, veremos onde facemos a feira de emprego. Será nalgún país suramericano con case toda seguridade, pero o importante non é tanto o país onde facemos a feira, senón trasladar esa mensaxe á nosa xente que está no exterior".

Nova sede en Bos Aires

En paralelo, a Xunta acaba de abrir unha nova delegación na Arxentina, coa que acompañar todas estas iniciativas e ao mesmo tempo ampliar perspectivas de actuación, segundo explicou José González: "Queriamos dar ese paso de reforzar o posicionamento de Galicia na Arxentina e vimos de adquirir unha sede nun sitio simbólico, importante, de Bos Aires, coa oportunidade de poder facer actividade económica alá, coa implantación dos servizos do Igape ou cuestións como o turismo. A idea é ter unha presenza máis ampla de Galicia en Bos Aires".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade