OPINIÓN
Quen paga, por María Bastida
A proposta da CEOE para que a Seguridade Social asuma o custo dos primeiros días de baixa laboral volveu poñer o foco na xestión da incapacidade temporal. Un problema evidente que cada vez pesa máis sobre as empresas, sobre a Seguridade Social e sobre o conxunto da economía.
Actualmente, nas baixas por continxencias comúns a empresa asume unha parte inicial do custo. Isto significa que paga as consecuencias dun problema que non controla. Se unha baixa se dilata, a empresa non ten capacidade real para resolvelo. Pero si que soporta os seus efectos. E iso é, xustamente, o que sinala a CEOE: a empresa non pode ser a pagadora cativa dun sistema que non xestiona. Pode organizar quendas, cubrir ausencias, adaptar postos ou reforzar a prevención, pero non pode acelerar unha proba médica, resolver unha lista de agarda nin revisar unha baixa que depende doutros órganos.
Agora ben, que a Seguridade Social asuma esa fase inicial non fai desaparecer o custo, simplemente o cambia de sitio. O que hoxe asume directamente a empresa pasaría a financiarse con recursos públicos, cotizacións ou déficit. Por iso, a medida pode aliviar, pero non substituír unha reforma cada vez máis necesaria.
Con todo, a razonabilidade ou non da medida non é o que puxo a Garamendi no punto de mira. A incapacidade temporal converteuse nun tabú político. Todo o mundo sabe que o problema existe, pero poucos queren abordalo porque obriga a falar de sanidade, de inspección, de mutuas, de convenios, de absentismo, de custos empresariais e tamén de responsabilidades sindicais e políticas. É máis cómodo deixar que a factura siga circulando.
Dito isto, tampouco é responsable ignorar o impacto económico e organizativo que este fenómeno ten sobre as empresas. Por iso, a incapacidade temporal precisa unha reforma intelixente: máis recursos sanitarios, máis control onde sexa necesario, menos burocracia, mellores datos, atención temperá ás patoloxías máis frecuentes e fórmulas flexibles de reincorporación cando o posto o permita. Tamén prevención dentro das empresas, porque non todo se arranxa desde fóra.
No fondo, trátase de pensar se temos un sistema capaz de coidar o traballador enfermo sen converter cada proceso nun burato económico, organizativo e administrativo. E aí, polo momento, estamos a fallar todos.