Deteñen en Toledo os integrantes dunha organización criminal que roubaba mercadoría dos camións
Os 12 detidos resgaban as lonas dos trailers para facerse con mercadorías de valor
Almacenábanas un tempo en naves e rochos de Madrid e Guadalaxara antes de sacalas ao mercado negro
Na operación recuperan mercadorías valoradas en 800.000 euros, incluídos tres camións de gran tonelaxe
A raíz do aumento de roubos en camións estacionados en áreas loxísticas e de servizo de Ocaña, en Toledo, as pescudas policiais foron confirmando que detrás había unha organización criminal moi estruturada que planificaba as operacións e actuaba tamén en Madrid e Guadalaxara.
Especializáronse en roubar mercadorías de alto valor, como electrodomésticos, cobre, placas solares, pezas de automoción ou produtos farmacéuticos. Resgaban as lonas dos camións para facerse co material e logo almacenábano un tempo en polígonos industriais ou rochos de alugueiro antes de distribuílo no mercado negro.
A Garda Civil detivo en total 12 persoas ás que vinculan con 22 roubos, e recuperou parte da mercadoría subtraíada, incluídos tres camións de gran tonelaxe e un turismo. Estiman nuns 800.000 euros o valor de todo o recuperado. Amais dos detidos investigan outras tres persoas por presunta vinculación coa organización e outra por un delito de receptación do material roubado.