Competencia abre a porta á liberalización do AVE galego instando o Adif a non asinar en exclusiva con Renfe
Competencia abre a porta á liberalización do AVE galego instando o Adif a non asinar en exclusiva con Renfe
O obxectivo é que os novos operadores (Ouigo, Iryo ou Alsa, entre outros) poidan entrar progresivamente na súa explotación
Asegúrase, desta forma, que as liñas a Galicia, Asturias, Cantabria, Huelva ou Cádiz non queden en mans exclusivas de Renfe, que actualmente é o único operador que pode prestar eses servizos, debido á tecnoloxía dos seus trens
Tren Avlo. Arquivo. Imaxe: RENFE
A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) instou o Adif a non asinar contratos en exclusiva con Renfe nos novos corredores que se abrirán á competencia, co obxectivo de que os novos operadores (Ouigo, Iryo ou Alsa, entre outros) poidan entrar progresivamente na súa explotación.
O regulador asegúrase, desta forma, que as liñas a Galicia, Asturias, Cantabria, Huelva ou Cádiz non queden en mans exclusivas de Renfe, que actualmente é o único operador que pode prestar eses servizos, debido á tecnoloxía dos seus trens para adaptarse a esas vías especiais.
"Non deben asinarse acordos marcos nos corredores onde unicamente Renfe solicite capacidade, dado que iso podería limitar a entrada de futuros entrantes", aclara a CNMC no seu último informe sobre a apertura da segunda fase da liberalización ferroviaria.
A primeira fase, que arrincou en 2019, permitiu que Ouigo entrase en 2021 e Iryo en 2022 nos corredores que transcorren na súa totalidade en vías de ancho internacional. Esta segunda fase abre a competencia en liñas que mesturan tanto ancho ibérico como internacional, polas que só poden circular determinados trens.
Esa tecnoloxía só a produce actualmente Talgo e, a pesar de que outros fabricantes se abriron a fabricala, levaría moito tempo en poñela en práctica. Talgo está a atravesar agora dificultades na súa capacidade de produción, e só Renfe ten xa trens que permiten circular por esas liñas.
Billetes máis baratos
Neste contexto, a CNMC non quere que o Adif e Renfe, ambas as empresa públicas, asinen acordos que imposibiliten a entrada futura dos novos operadores, unha vez estes se fagan con trens que poidan ir directos de Madrid a Santiago, Oviedo ou Cádiz, baixando os prezos dos billetes como pasou no resto de liñas en que entrou a competencia.
Por iso, unha vez que se asignaron as capacidades, quendas e horarios, o Adif deberá tramitar calquera solicitude que reciba para estudar a súa viabilidade e, en caso de superala, que poida entrar calquera operador.