Renfe estrea portal de Internet que mostra a localización dos seus trens en tempo real
A nova ferramenta permite consultar o estado do mapa completo, con todos os trens en movemento nese instante, seleccionar cada convoi ou elixir unha estación
O operador ferroviario público español Renfe estreou un portal de Internet, Renfe-Visor Tempo Real-Longo Percorrido que permite coñecer en tempo real a localización dos seus trens de alta velocidade, longa e media distancia.
O novo portal permite consultar o estado do mapa completo, con todos os trens en movemento nese instante, seleccionar cada convoi ou elixir unha estación para obter información da mesma ou da hora de paso dun tren por cada estación.
Nun comunicado, Renfe sinala que, tras comezar a publicar as estatísticas de puntualidade dos seus trens e os datos de incidencias, este é "outro paso pola transparencia da súa operativa".
Para facilitar o acceso a esta nova ferramenta, colocará nalgúns dos seus trens un código QR co que os usuarios poderán entrar directamente nesa páxina web.
Funcionalidaes do novo visor dos trens de Renfe
-Información en tempo real de todos os trens en circulación sobre o mapa da rede ferroviaria. Ademais, pódese consultar o roteiro pola que circula o tren e cal é o percorrido.
-Seguimento de trens. Cada tren está representado por unha icona circular sobre o mapa, que se move conforme avanza no sentido da frecha, e ofrece información do percorrido, última e próxima parada, horas previstas de chegada ás paradas e ao destino final.
-Información do percorrido. Para cada un dos trens indícase a orixe e destino da circulación, as paradas, indicando en diferentes cores as xa pasadas e polas que vai circular, e os tempos estimados de paso para cada unha das estacións.
-Información de estacións. Ao seleccionar cada estación desprégase un cadro con información sobre ela: dirección postal, se é accesible e se conta con servizo de asistencia a persoas de mobilidade reducida.