Abre a venda de billetes para catro rutas dos Trens Turísticos de Galicia
Son para facer o itinerario dos Faros e dos viños Monterrei, Ribeira Sacra (Sil e Miño) e Ribeiro-Rías Baixas
Esta tempada, a Xunta e Renfe ofertan un total de 2.530 prazas distribuídas en 33 saídas
Turismo de Galicia abriu a venda de billetes para catro dos seus itinerarios do programa de Trens Turísticos 2026: a ruta dos Faros, do viño Monterrei, da Ribeira Sacra (Sil e Miño) e do viño Ribeiro-Rías Baixas.
Esta tempada, a Xunta e Renfe ofertan un total de 2.530 prazas distribuídas en 33 saídas, segundo explica nun comunicado a administración autonómica. No 2025, a ocupación dos trens turísticos alcanzou o 92%.
As persoas interesadas xa poden reservar as prazas para as viaxes de xuño e xullo, a través da web de Renfe, mentres que as rutas de agosto e setembro activaranse proximamente.
O programa, no que colabora o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico–INORDE, inclúe visitas guiadas, degustacións e traslados combinados para potenciar un turismo sostible e de calidade en toda a comunidade.
As rutas
A ruta dos Faros sae dende Ferrol, con posibilidade de achegamento en autobús desde A Coruña. O percorrido abrangue puntos clave da costa norte como Cabo Ortegal, Santo André de Teixido, Viveiro ou Estaca de Bares.
A do viño Monterrei ofrece unha visita guiada ao Castelo medieval da comarca de Verín, á adega Terras de Gargalo e ao ecoespazo do Rexo (Allariz). Con saída desde Ourense, permite o achegamento en tren dende Vigo e Santiago.
Os itinerarios da Ribeira Sacra tamén parten da cidade das Burgas e, segundo a versión, centran as súas actividades en torno aos ríos Sil e Miño. Ambas as dúas opcións inclúen unha viaxe en catamarán e degustación dos viños da zona.
No canto ao circuíto do Ribeiro-Rías Baixas, os caldos destas dúas denominacións protagonizan unha viaxe na que tamén hai tempo para a historia e a tradición, con visitas a Ribadavia, ao castro de San Cibrao de Las e ao Museo do Traxe Galego.