O presidente de Renfe di que a compañía "é unha vítima máis" do accidente de Adamuz
Álvaro Fernández Heredia asegurou no Congreso que "atendemos a crise como cabe esperar dunha operadora pública responsable", referíndose ao sinistro ocorrido na vila cordobesa e ao da localidade barcelonesa de Gelida
O presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, asegurou que a empresa pública operadora de trens é "unha vítima máis" do accidente de Adamuz (Córdoba) e tamén do ocorrido en xaneiro poucos días despois en Gelida (Barcelona).
"Renfe é unha vítima máis de dous sinistros que afectaron o noso persoal e os nosos viaxeiros. E creo, sinceramente, que atendemos a crise como cabe esperar dunha operadora pública responsable", sinalou.
Fernández Heredia acudiu este martes ao Congreso dos Deputados para comparecer por iniciativa propia na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible para render contas destes dous accidentes, tras pasar xa por esta comisión tanto o presidente do Adif, Pedro Marco, como o ministro do ramo, Óscar Puente.
O presidente de Renfe incidiu durante a súa intervención nos esforzos que a empresa levou a cabo nos últimos meses para restaurar a percepción de que o ferrocarril é un medio de transporte seguro, "quizais o que máis", comentou, a pesar de que en ocasións poidan ocorrer casos como estes "desgraciados accidentes".
"Usaremos esta experiencia para mellorar os nosos procedementos e detectar elementos de posible mellora. Renfe non só estivo ao lado das vítimas, senón que o vai seguir estando", engadiu.
A quenda dos portavoces dos partidos políticos comezouno a deputada de Vox Patricia Rueda, ao solicitar esta formación tamén a comparecencia do presidente de Renfe, que lle botou en cara o dicir que Renfe sexa unha vítima máis.
"Iso é inhumano e demostra a pouca categoría moral á que, tristemente, nos ten acostumados quen está en cargos de responsabilidade, xa non só neste Goberno, senón en Renfe, Adif, etc. Sinto indignación ao escoitar as súas palabras nesta Cámara, porque a súa intervención, ao estilo de Óscar Puente ou do presidente do Adif, é cero autocrítica e cero responsabilidade", sinalou Rueda.