O alcalde de Ferrol reclama ao Goberno avances na conexión ferroviaria
José Manuel Rey Varela esixe melloras para reducir en 45 minutos os tempos da viaxe a Coruña
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, denuncia a "discriminación" da cidade en materia ferroviaria e esixe ao Executivo central "desbloquear" os avances previstos na liña Ferrol-Coruña.
Reclamación do rexedor nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega a uns días de que se celebre a manifestación convocada polo Foro Cidadán polo Ferrocarril para reclamar un "tren do século XXI". O rexedor reclama o "mesmo trato" para a Cidade Departamental que para o resto de urbes galegas e que Ferrol non quede "illado" da alta velocidade e do Eixo Atlántico.
"Agora o discurso é que a alta velocidade vai pasar a 350 quilómetros por hora e a liña de Ferrol a Coruña é de 60 quilómetros por hora. Nós non pedimos nin 300 nin 350 quilómetros por hora senón chegar á Coruña en 45 minutos. Pensamos que pode incrementar a competitividade do territorio", apuntaba o rexedor popular.
Aínda en materia de infraestruturas e no tocante ó bloqueo da transferencia da autoestrada AP-9 a Galicia e a liberalización das peaxes, Rey Varela repróchalle ao PSOE que defende unha cousa en Galicia e a contraria en Madrid e sostén que "non pode ser que noutros lugares de España se liberalicen peaxes e aquí non".
Explicou o rexedor que o pleno do Concello iniciará os trámites para aprobar os orzamentos do ano que vén que superan os 100 millóns de euros. O rexedor apuntou que as contas pivotarán sobre tres eixos fundamentais; modernización e transformación de Ferrol, a mellora de servizos básicos como a limpeza ou a iluminación da cidade e na atención das persoas maiores e familias.
Durante a entrevista, o alcalde de Ferrol destacou a boa marcha dos proxectos 'Abrir Ferrol ao mar', que contempla o derrubamento do muro do Arsenal e a construción de sendas verdes, e a Cidade do deporte de Ferrol, que reconverterá as instalacións de FIMO e da Malata.