A Catedral de Santiago estrea un modelo de IA para traducir misas en tempo real
Xa está dispoñible unha app que usa intelixencia artificial e que permite seguir as homilías do altar maior con tradución simultánea
Pódense escoitar en varios idiomas ou verse subtituladas desde o propio teléfono móbil
As misas da Catedral de Santiago pódense escoitar en varios idiomas ou verse subtituladas en tempo real desde o propio teléfono móbil. Xa está dispoñible unha app que usa intelixencia artificial que permite seguir as homilías do altar maior con tradución simultánea. Só haberá que chegar uns minutos antes de que empece a misa e, nun proceso tan doado como prender unha candea, un pode descargar e abrir a aplicación de tradución para seguir a misa no idioma desexado.
O sistema, que dá a escoller entre auriculares e texto, funciona ben en inglés, francés, alemán e portugués e pouco a pouco vanse ir engadindo máis idiomas. Algo que non resultou doado, porque coa IA cómpre ir ensaiando aos poucos.
"Non é fácil ensaiar a intelixencia artificial. Non ten hábito no uso dunha linguaxe, a da liturxia e os textos bíblicos, que non é a máis común", explicou Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral de Santiago.
O modelo ten moi boa acollida entre persoas xordomudas e xa se superaron as 100 descargas. Canto máis uso, máis se ensaia. Unha tecnoloxía que requiriu dunha sofisticada instalación para que moitos dispositivos poidan conectarse á vez.