Unha serie realizada con IA conta a historia do Carballiño
Publícase en YouTube e recrea a historia deste concello desde hai cincocentos anos
Todo realizado con intelixencia artificial e un arduo labor de documentación
O artífice é o historiador Carlos Montes, do Centro de Estudos Chamoso Lamas
Ningún dos personaxes que aparecen na serie é real. Están xerados por intelixencia artificial, o mesmo que o espazo no que se atopan e as tarefas que realizan. Non é real, pero si fiel á realidade do que aínda non era O Carballiño, hai cincocentos anos.
"Ao principio foi moito máis dificultoso, unha porque eu tamén vou aprendendo da intelixencia artificial, e dúas porque para crear os escenarios, que hoxe están case completos, hai que facer planos, mandarlle topografía, orografía..., porque, ante todo, o que quero é que sexa o máis real posible", explica Carlos Montes, o autor da serie.
Todo é obra de Carlos Montes, historiador, investigador, escritor e agora tamén realizador audiovisual.
"Os guións téñoos porque teño os libros publicados. Trátase de pasar iso ao audiovisual", explica.
A historia arrinca nas primeiras casas de Flores, o barrio máis antigo da vila e visita outros espazos vencellados á súa historia coma o mosteiro de Oseira. Cada semana publicarase un novo capítulo, pero algúns privilexiados xa viron varios, na presentación que se fixo no auditorio da vila.
"Despois comentábanme: claro, é que ver esta igrexa como era hai cincocentos anos, como era este terreo, como era por dentro... a xente quedou sorprendidísima, sobre todo a xente maior", sinala Montes.
De momento leva dez capítulos, e aínda está polo século XIX.