Un familiar de Piturro, entre os detidos na operación antidroga nas Rías Baixas
Hai seis detidos, un deles en Francia, que pasan este venres a disposición xudicial
Hai indicios de que é un golpe importante, posiblemente nos graos intermedios dunha organización
A lei do silencio imponse. A nivel oficial, porque a operación segue aberta e baixo segredo de sumario; e entre a veciñanza, porque viron pero non miraron, pero todo apunta a un golpe importante.
Hai seis detidos, un deles en Francia, e catorce rexistros en vivendas de Cambados, Redondela, Pontevedra, Cangas e en Vilanova de Arousa, quizais o que espertou máis expectación.
"Había tres furgóns de policía e fixeron un rexistro nun garaxe pero non vin se levaban a alguén", conta unha testemuña que non quere amosar a cara.
Si houbo detencións. En concreto en Vilanova, dúas en distintos edificios, e distintas partes da vila. Dous homes, aos que coñecen polo nome e polo alcume. Tamén porque directamente ou a través de familiares teñen negocios na vila e polos antecedentes.
Os dous teñen un pasado ligado ao narcotráfico polo que cumpriron condena, aínda que non parecía que andaran ao mesmo, segundo se di hoxe.
Un dos arrestados é familiar dos Piturro, do clan que supostamente quedara desartellado nunha operación de hai dous anos pero que, á vista dos feitos, podería seguir coleando.
"Somos todos coñecidos da mesma vila. Estamos falando de que hai moitos anos había persoas que se dedicaban a iso en grandes cantidades, pero agora non sei o nivel que teñen", engade a mesma muller.
Á falta de información oficial, todo apunta a un golpe nos graos intermedios das organizacións, pero a operación segue aberta e non se descartan novidades.
Cinco dos detidos van pasar mañá a disposición xudicial en Cambados e o sexto, o arrestado en Francia, renderá contas diante das autoridades do país.