Golpe ao mercado da heroína en Narón, con catro persoas en prisión
O forte da operación desenvolveuse nun edificio que sería o refuxio da droga, antes de ir para os asentamentos
Incautaron vinte quilos de heroína, haxix, 300.000 euros en efectivo e dous coches roubados
A operación antidroga do venres traía cola. Na Solaina, sorprendéronse de primeiras polo forte dispositivo policial que os sacou da cama.
"Había 24 homes na porta, armados. Era noite aínda. Non se esperaba nada. Non se sabía".
"Ves ao GEOS, Aduanas, Axencia Tributaria, Garda Civil, Policía Nacional, como unha película, pero unha película do FBI".
Xustifícase polo que transcendeu agora: os detidos formarían parte da rede que subministraba a heroína aos grandes supermercados da droga que rodean Narón, entre eles o de Freixeiro.
"O campamento de Freixeiro é unha zona moi crítica. Dise que é o supermercado da droga da zona norte de España. Para aquí veu xente cando se desmantelou o de Penamoa. Supoño que isto lle impacta a calquera persoa normal".
O forte da operación desenvolveuse neste edificio da rúa Xaquín Bruqueta, o suposto refuxio da droga, antes de repartila nos asentamentos.
De aí saíu esposada unha veciña, unha nai de familia que agora traballa de limpadora nun instituto de Ferrol pero que antes fora empresaria. Xestionou negocios de hostalaría que sempre acabaron mal. Os axentes rexistraron varias propiedades súas pero tamén o baixo dun irmán que está pegado ao edificio.
"Ata onde vimos os veciños, a xuíza estivo practicando o rexistro diante da detida. Por iso, tardaron en levala. Rexistraron o seu coche, os garaxes e toda a casa. Levaron moitas caixas, e moitas bolsas, algunhas de Ikea, coa broma de ver aos GEOS con bolsas de Ikea".
Houbo cinco detidos e polo menos catro xa ingresaron en prisión. Todo apunta a que son familia.
Fálase de que nos rexistros se incautaron duns vinte quilos de heroína, tamén haxix, uns 300.000 euros en metálico e dous coches roubados. Un deles podería ser un Seat León de alta gama que nunca moveran do garaxe.
Golpe forte ao tráfico miúdo nunha zona crítica, nunha operación que segue aberta. Onte mesmo houbo outro rexistro, fóra da zona de Ferrol, pero relacionado con esta mesma rede, que tería detrás a un dos clans máis coñecidos do narcotráfico de Galicia.