Cae o narco galego 'Moncho Vilaboa' nun golpe ao branqueo de capitais
Cinco detidos, familia directa de Ramón Canto, nunha operación no Salnés con ramificacións internacionais
Relacionan a Moncho Vilaboa coas grandes descargas de cocaína dos cárteles colombianos
Macrooperación policial con rexistros en varios puntos do Salnés, e non se sabe se tamén da Arousa. Un deles, o chalé familiar do histórico Ramón Canto Nine, máis coñecido como Moncho Vilaboa, unha vivenda que agora ocupa a súa exmuller, tamén detida neste golpe.
Caero outros familiares directos, polo menos o irmán e a súa actual parella. En total, cinco arrestados.
Ramón Canto é dos empresarios que sempre tivo negocios en Cambados, de distintas cousas, ao seu nome e ao de familiares.
A investigación céntrase en averiguar se foron financiados coas descargas da cocaína. Por iso, xunto co Greco estivo a UDEF, a unidade da policía que investiga o patrimonio dos narcos e segue o rastro dos cartos. É onde máis lles doe. De feito, en Cambados, confirman unha vida de ostentación.
Polo que se comenta, pero detrás da cámara, este é un capo "dos grandes".
Fíxose coñecido no 2007 coa operación Destello, que desartellou unha das maiores organizacións criminais da época a ambos lados do Atlántico. Fora condenado a oito anos.
Dende aquela, lígano cos cárteles colombianos e, aínda que non se probou, mesmo chegaron a vinculalo cos primeiros narcosubmarinos que apareceron en Galicia.
Este último golpe esténdese a outros países, polo que non se descartan máis detencións nin dentro nin fóra do territorio español.