Publicador de contidos

Publicador de contidos

A operación Centinela, para vixilancia antincendios en Galicia, adiántase ao 10 de agosto

A operación Centinela, para vixilancia antincendios en Galicia, adiántase ao 10 de agosto

A campaña, que comeza 10 días antes ca en anos anteriores, permanecerá activa ata o 25 de setembro 

O dispositivo estará integrado por 35 patrullas terrestres, dous equipos móbiles de mantemento e arredor dun centenar de militares

Militares na operación Centinela de prevención de incendios en montes galegos. Ministerio de Defensa (Arquivo).
G24.gal 23/07/2026 16:35

A operación Centinela Galego volverá este verán aos montes galegos cunha despregadura reforzada e coa novidade do adianto do dispositivo que arrincará o 10 de agosto, dez días antes do previsto en campañas anteriores, para anticiparse ao período de maior risco de incendios e ao posible incremento de visitantes en espazos naturais con motivo da eclipse solar do 12 de agosto.

A presentación do operativo tivo lugar este xoves na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, coa participación de representantes do Goberno central, a Administración autonómica e as Forzas Armadas.

O dispositivo, froito do convenio de colaboración entre a Xunta e o Ministerio de Defensa, permanecerá activo ata o 25 de setembro co obxectivo principal de reforzar a vixilancia e disuadir posibles accións que poidan provocar lumes forestais.

35 patrullas terrestres en 39 municipios galegos 

A campaña contará con 35 patrullas terrestres, das que 30 pertencen á Brigada Galicia VII (Brilat) e cinco ao Terzo Norte de Infantería de Marina, dous equipos móbiles de mantemento e ao redor dun centenar de militares. Ademais, incorporará drons con cámaras ópticas e térmicas para mellorar a observación do terreo, a detección temperá de incendios e o seguimento de zonas de risco.

A despregadura alcanzará 39 municipios galegos repartidos en oito distritos forestais das catro provincias. O investimento da Xunta para este operativo ascende a preto de 594.000 euros.

A despregadura de militares fai 20 anos 

O xeneral xefe da Brilat, Andrés González Alvarado, destacou que a operación Centinela alcanza en 2026 o seu vixésimo aniversario como exemplo de cooperación entre as Forzas Armadas e as institucións galegas. Definiu a misión como un operativo de "quilómetro cero" para a brigada con base en Figueirido, ao tratarse dunha actuación destinada directamente a protexer os veciños e o patrimonio natural de Galicia.

González Alvarado explicou que se trata dunha operación conxunta na que participan o Exército de Terra e a Armada, baixo a coordinación do Estado Maior da Defensa e do Mando de Operacións. A Brilat será a encargada de coordinar desde o seu cuartel xeral as patrullas distribuídas polos distintos territorios.

Vixilancia, prevención e alerta 

As unidades despregadas realizarán labores de vixilancia, prevención e alerta. As patrullas, habitualmente formadas por dous militares, percorrerán zonas sensibles, establecerán puntos de observación e manterán contacto coa poboación para comunicar calquera incidencia aos servizos responsables da resposta ante emerxencias.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo en valor a importancia deste dispositivo dentro do sistema global de prevención e extinción de incendios de Galicia, que durante a época de alto risco reúne a máis de 7.000 efectivos de diferentes administracións.

Gómez destacou a integración de ferramentas de intelixencia artificial nos sistemas internos de xestión, a ampliación nun 30 % da rede de cámaras de videovixilancia e o uso de novos medios aéreos.

Medios autonómicos e estatais 

Neste sentido, lembrou que o dispositivo autonómico contará este verán con preto dunha trintena de aeronaves entre recursos propios e estatais, ademais da incorporación de dous avións de carga en terra, un avión de coordinación e un helicóptero pesado.

A Xunta tamén incidiu no papel da cidadanía na detección temperá de incendios. Para iso lembrou a existencia da aplicación móbil Alume, que xa supera as 6.600 descargas e permite comunicar avisos de forma rápida, alén do teléfono 085.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou a operación Centinela como un exemplo de colaboración institucional e asegurou que a coordinación entre administracións é clave para afrontar a campaña de incendios.

Blanco sinalou que o operativo forma parte do dispositivo estatal integrado no Pladiga e lembrou que o Goberno central poñerá este verán á disposición de Galicia preto de 4.000 efectivos, dez medios aéreos e 30 drons.

O delegado insistiu en que a loita contra os incendios require unha resposta conxunta e asegurou que todos os recursos estatais estarán dispoñibles para apoiar a Galicia durante os meses de maior risco.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade