Xulgan os principais acusados dunha rede que extraía cocaína nun laboratorio de Oia
Os procesados do sur de Galicia surtían de heroína un ferrolán residente nun poboado que a distribuía por esa localidade
Sete dos nove detidos na operacion Buchaga Gofre sentan no banco dos acusados da Audiencia de Pontevedra que os xulga dende o luns pola súa suposta implicación na trama de narcotráfico desartellada no 2021. Dos outros dous, un pactou coa fiscalía o primeiro día unha multa e unha condena de 3 anos de prisión. O outro non estará presente por alegar enfermidade.
A instrución procede do xulgado número 1 de Cambados, e a investigación culminou coa detención dunha decena de persoas en Cambados, Sanxenxo, O Porriño, Vigo e Ferrol. Segundo a acusación, os procesados do sur de Galicia surtían de heroína un ferrolán residente nun poboado que a distribuía por esa localidade.
Nos rexistros participaron unidades especializadas da Garda Civil e da Policía Nacional e incautáronse de 5 quilos de heroína. Na operación atopouse un laboratorio que a trama tiña agochado no baixo dunha casa en Oia, onde se extraía cocaína impregnada en cartón que cruzaba o Atlántico en colectores.
A cocaína procedía de América do Sur e xestionábana a través dun grupo dominicano e a heroína mediante un contacto en Turquía Entre os procesados hai vellos coñecidos das causas por nacotráfico, entre eles un avogado vigués que estudou a carreira na prisión da Lama e ao que atoparon un quilo de heroína no rexistro do seu despacho.
A fiscalía pide 11 anos de prisión para cinco deles por un delito contra a saúde pública e integración en organización criminal: nove anos para outro dos acusados e investígase a outros dous, con domicilio en Ferrol, por venda de drogas.