A policía descarga na Coruña 2.400 quilos de cocaína comisados nun operativo internacional en augas portuguesas
A policía descarga na Coruña 2.400 quilos de cocaína comisados nun operativo internacional en augas portuguesas
Catro persoas foron detidas fronte ás costas de Lisboa cando tentaban fuxir dos axentes logo de sufrir unha avaría na súa embarcación de alta velocidade
A investigación, coordinada pola Audiencia Nacional, iniciouse o pasado venres tras recibir unha información da DEA
Axentes da Policía Nacional, grazas á colaboración internacional, interviñeron nas costas de Lisboa unha embarcación de alta velocidade cunha carga de 2.400 quilogramos de cocaína. A embarcación atopábase esperando apoio técnico doutra parte da trama criminal asentada en Portugal.
A droga foi descargada polos axentes dun barco francés no peirao de Calvo Sotelo, na Coruña.
A investigación, coordinada pola Fiscalía Especial Antidroga da Audiencia Nacional, iniciouse o pasado venres tras recibir, grazas á colaboración e cooperación internacional, unha información da Drug Enforcement Administration –DEA- acerca da posible existencia dunha organización criminal dedicada ao transporte de cocaína a través do Océano Atlántico cara a España.
Avanzadas as pescudas, a UDYCO Central logrou situar unha embarcación de alta velocidade con tres motores e 12 metros de eslora ao oeste de Portugal, a cal tiña problemas técnicos e atopábase á espera de recibir apoio da outra parte da organización criminal asentada no país luso. A embarcación foi localizada en apenas unhas horas.
Poucas horas despois, a madrugada do día seguinte, a pesar de que trataron de desfacerse de todo o estupefaciente tras emprender a fuxida por ser descubertos polas autoridades francesas, logrouse a interceptación da lancha así como a recuperación de 2.400 quilogramos de cocaína e a detención dos catro tripulantes.
Durante o dispositivo policial establecido para o traslado da embarcación, comprobouse o seu estado precario provocando finalmente o afundimento da mesma durante o seu remolque.
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, detallou que "se trata dunha importante operación" coordinada pola Fiscalía Antidroga en que participan axentes do Grupo de Resposta contra o Crime Organizado (Greco) e membros do Servizo de Vixilancia Aduaneira.
Os arrestos producíronse "en mar aberto". Blanco apunta que "os pormenores" do operativo daranse unha vez os detidos sexan postos a disposición xudicial e enxalzou o traballo "encomiable" realizado polas forzas de seguridade.
A operación está baixo o segredo do sumario.