Tras dous meses do incendio, Santiago segue sen comisaría de Policía Nacional
O edificio da comisaría de Santiago segue fóra de servizo mentres se están valorando varias localizacións provisionais
A Confederación Española de Policía denuncia o abando que sofren os axentes e a cidadanía
Un fallo eléctrico provocou un chispa que en contacto cos gases residuais dos disparos provocou unha deflagración e o posterior incendio. Sucedeu o 12 de febreiro na galería de tiro da comisaría de Santiago. Dende entón o edificio foi pechado e, malia non sufrir danos na estrutura, aínda está á espera a tramitación das reformas. E todo apunta a que será lenta, tanto que se están valorando varias localizacións provisionais.
Mentres, os cidadáns está sendo atendidos nunhas unidades móbiles no Obradoiro e nunha sede anexa fronte ao edificio incendiado.
"É un sitio moi pequeno, moi reducido, penso que é mala calidade para a atención ao cidadán".
"Hoxe polo menos veño acompañando unha persoa que ten mobilidade reducida e non me parecen as condicións".
"Por moito que sexa transitorio, é insuficiente, á vista están as ringleiras que se fan para facer trámites. Hai trámites que conseguen facer, parece ser que hai voa vontade nese sentido, máis hai outros trámites que non dá, porque se ve que o persoal está sobrepasado", denuncian varios usuarios.
A Confederación Española de Policía denuncia o abandono por parte do Ministerio do Interior.
"Hai escasos 10 días, o Ministerio do Interior anunciou un investimento en infraestruturas de 900 millóns de euros a nivel nacional, esquecéndose de Santiago de Compostela, onde máis de 40 vehículos sufriron o incendio da comisaría. Os compañeiros non saben como van facer para seguir traballando cuns medios que están completamente fóra de contexto para a actividade policial", explica Javier Martínez, voceiro e secretario de comunicación da CEP en Galicia.
Máis que unha reforma, dende este sindicato solicitan unha nova sede policial para Santiago, máis acorde cos tempos.