Publicador de contidos

Publicador de contidos

As horas clave do histórico regreso humano á Lúa e do récord fronte ao Apolo 13

As horas clave do histórico regreso humano á Lúa e do récord fronte ao Apolo 13

A tripulación superará a marca de distancia do Apolo 13, a nave Orión alcanzará o seu punto máis próximo á Lúa e tamén a súa distancia máxima desde a Terra, e ademais entrará nunha eclipse solar

Percorrerá máis de 400.000 quilómetros, permitindo aos astronautas observar este luns o lado afastado do satélite

Durante seis horas desde a nave Orión verán un 21% da cara oculta do satélite

directo Vista da Lúa tomada pola tripulación (NASA-Reuters)
G24.gal 06/04/2026 15:30

A misión Artemis II da NASA cumprirá este luns unha serie de fitos durante o seu histórico sobrevoo lunar, que incluirá a súa cara oculta: a tripulación superará a marca de distancia do Apolo 13, a nave Orión alcanzará o seu punto máis próximo á Lúa e tamén a súa distancia máxima desde a Terra, e ademais entrará nunha eclipse solar.

A atracción da Lúa

A tripulación, integrada por Reid Wiseman, Victor Glover, Christina Koch e Jeremy Hansen, entrará na esfera de influencia lunar a 66.098 quilómetros (41.072 millas) da Lúa, cara ás 12:41 hora da costa este estadounidense, 18:41 hora galega, durante o seu sexto día de voo a bordo da nave Orión.

A axencia sinalou en conferencia de prensa que considera a chegada ao satélite cando a nave pasa de estar dominada pola gravidade da Terra a ser atraída pola Lúa máis fortemente.

A marca do Apolo 13

Máis tarde, os catro astronautas da misión superarán cara ás 13:56, 19:56 hora galega, a marca de distancia desde a Terra establecido polo Apolo 13 en 1970.

Esa misión afastouse 400.171 quilómetros (248.655 millas) da Terra, converténdose nos humanos máis distantes do planeta.

Segundo a NASA, Orión percorrerá máis de 400.000 quilómetros (248.548 millas), permitindo aos astronautas observar hoxe o lado afastado do satélite e establecendo unha nova marca de distancia no espazo profundo para a humanidade.

As observacións lunares darán inicio máis tarde, ás 14:45 (20:45 hora galega).

A perda de comunicacións

Xa en horario da noite na costa este estadounidense, o  control de misión prevé perder durante uns 40 minutos a comunicación coa tripulación, cando a nave Orión pase detrás da Lúa, cara ás 18:44 (00.44 hora galega).

Nese tempo serán só os catros astronautas os escargados de garantir a traxectoria, porque non poderán contar co apoio das bases de Terra como a do grupo AtlanTic da Universidade de Vigo, que colabora no seguimento da misión. Grazas aos seus cálculos, mesmo neses 40 minutos de apagamento, calquera pode seguir en vivo a traxectoria a traves da canle Live Artemis da NASA.

Durante 40 minutos os tripulantes da nave Orión non terán apoio desde Terra porque a interposición da lúa bloquea as conexións Durante 40 minutos os tripulantes da nave Orión non terán apoio desde Terra porque a interposición da lúa bloquea as conexións

O administrador da NASA, Jared Isaacman, expresou durante a fin de semana que non lle preocupa tanto ese baleiro de comunicacións: "É algo ao que estamos moi acostumados no control de misións espaciais, e os astronautas tamén durante o seu adestramento".

A NASA precisou que o Centro de Control de Misión da NASA debería restablecer a comunicación cos astronautas cara ás 19:25 (1:25 hora galega).

Máis preto e máis lonxe

Doutra banda, ás 19:02 (1:02 do martes), Orión alcanzará o seu punto máis próximo á Lúa, a só 6.550 quilómetros (4.070 millas) de distancia.

Cinco minutos despois, a nave chegará á súa distancia máxima desde a Terra: 406.760 quilómetros (252.760 millas). Durante unhas seis horas a ventá principal da nave enfocará directamente cara á superficie do satélite. Unha das voceiras da NASA explicou que durante esta fase de aproximación verán con detalle un 21% da cara oculta da lúa

A súa prioridade é observar e documentar con precisión esa parte da cunca oriental coas máis de 30 cámaras de altísima resolución que levan a bordo.

A eclipse

E finalmente, ás 20:35 EST (2:35 hora galega) Orión entrará nunha eclipse, o sol pasará detrás da Lúa desde a perspectiva da tripulación. Esta eclipse solar total non será visible desde a Terra.

Sobre todos estes horarios, a NASA, con todo, advertiu de que están suxeitos a cambios segundo as operacións en tempo real.

Os catro astronautas de Artemis II, que partiron o pasado mércores desde Florida e que non alunizarán nesta viaxe, teñen previsto chegar á costa de Santo Diego o vindeiro venres, onde a cápsula Orión se mergullará no mar. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade