Unha empresa de Nigrán deseña o primeiro vehículo de transferencia orbital de España
OSSIE pesa 200 quilos, mide un metro cúbico e é unha especie de taxi espacial que transportará 16 satélites de 14 clientes de seis países
A empresa xa pensa no seu próximo obxectivo: chegar á Lúa
España lanzará este outono o seu primeiro vehículo para transportar e operar satélites, que está deseñado e fabricado integramente na empresa de Nigrán UARX, que xa pensa no seu próximo obxectivo: chegar á Lúa.
UARX Space presentou este venres na súas instalacións de Porto do Molle (Nigrán) o seu proxecto, que partirá o 10 de agosto cara a California para ser lanzado en outubro ao espazo a bordo dun Falcon 9 de SpaceX.
O vehículo chámase OSSIE, pesa 200 quilos, mide un metro cúbico e é unha especie de taxi espacial que transportará 16 satélites de 14 clientes de seis países. UARX destaca que é a primeira empresa que desenvolve toda a misión que vai realizar, dende o deseño do propio vehículo ata o sistema para poñelo en órbita, cunha tecnoloxía que ata agora só desnevolveran Estados Unidos, Italia, Francia e Nova Zelandia, segundo explicou Yanina Hallak, CEO de UARX.
Durante a presentación o cofundador da firma de Nigrán, Andrés Villa, avanzou que o seu obxectivo é chegar á Lúa e que xa traballan en dous novos proxectos para operar en órbitas lunares. Mentres perseguen ese reto, o sector celebra o paso que supón este primeiro transbordador orbital de España na súa historia espacial, tanto para uso comercial como de seguridade.
"España ten chave das portas que agora se abren para xestionar o tráfico orbital, posicionar activos estratéxicos onde sexa necesario e garantir a seguridade das nosas infraestruturas críticas no espazo", afirmou Miguel Ivorra, director xeral de Estratexia e Innovación da Industria de Defensa.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosou o seu compromiso e orgullo con este proxecto, que levará a marca Galicia Calidade ao espazo inscrito nunha placa.
"Antes parecía que había que irse a países moi lonxe para facer cousas difíciles, cousas que parecían ciencia ficción hai uns anos, e agora resulta que as facemos aquí e as mandamos a todo o mundo, mesmo ao espazo", dixo.