Sete familias de Narón, pendentes de se a Sareb lles mantén o alugueiro ou van ser desafiuzados
Arrendaran os pisos a unha sociedade pantasma, malia alugalos nunha inmobiliaria
O ditame di que "non teñen dereito a permanecer na vivenda"
Hai case un ano que as 15 familias que alugaran os seus pisos na praza do Asilo, en Narón, a través dunha inmobiliaria, recibiron a orde de desafiuzamento. Foi aí cando descubriron que alugaran as vivendas a un entramado de sociedades pantasmas e que os pisos eran titularidade da Sareb.
Tras un ano de incertezas e litixios, unha resolución xudicial, contra a que non cabe recurso, di que non teñen dereito a permanecer nas vivendas.
Durante a vista, o representante legal da Sareb manifestou a vontade de regularizar a situación dos inquilinos.
Din que se senten desamparados ante o que consideran unha estafa, e intranquilos ante a ausencia de comunicación por parte da Sareb. De non cumprirse a vontade de renovación de contratos, deberán abandonar as vivendas.
Das 15 familias inicialmente afectadas, ante esta situación, a metade decidiron marchar.
Piden que o Concello de Narón medie coa Sareb para que se axilice a formalización dos contratos de alugueiro e rematar xa co que consideran un pesadelo.