Revisar o coche antes do inverno, vital para reducir riscos na estrada
A batería e os pneumáticos, puntos críticos para conducir con frío e chuvia
Cómpre examinar tamén o estado dos limpaparabrisas e dos sistemas antibafo
Asfalto esvaradío, charcos, xiadas... en pouco tempo os nosos coches terán que pelexar coa dureza do inverno. Para reducir riscos o primeiro é comprobar o desgaste das rodas cun simple exercicio de observación.
"Polo medio do debuxo hai un taco que marca o desgaste mínimo que pode ter un pneumático, a partir de aí entramos en zona perigosa". explica Jose Manuel López, xerente do taller Diésel Inxección Milladoiro.
A humidade, o frío, e a maior escuridade restan visibilidade ao volante. Por iso cómpre botar unha ollada ao estado das luces, dos limpaparabrisas e dos sistemas de eliminación de bafo.
"Falamos sempre do aire acondicionado no verán, pero no inverno é fundamental. En trinta segundos pode eliminar o bafo que nos impide ver desde dentro do parabrisas e non darlle coa man ou un trapo que ensucia máis e incomoda a condución"
Coas temperaturas baixas as posibilidades de que se descargue a batería son maiores. Por iso nos talleres comproban con esta máquina que o mecanismo está listo para soportar o frío que lle boten.
"Se a temperatura é normal, se cadra funciona de xeito óptimo, pero con frío se a batería está tocada pode ter dificultades para arrincar ou deixarte tirado"
Co coche a punto e un extra de prudencia podemos evitar sustos na estrada, agora que as xiadas e os chuvascos regresan despois dun cálido e seco verán.