A policía esperta un home durmido ao volante en Lugo que triplicaba a taxa de alcohol
Ao ser sometido ao correspondente control de alcoholemia, deu unha taxa de 0,83 miligramos de alcohol por litro de aire expirado, daquela o vehículo foi inmobilizado e os axentes tramitan dilixencias por un delito contra a seguridade viaria

Axentes do equipo de Atestados da Policía Local de Lugo instrúen dilixencias por un suposto delito contra a seguridade do tráfico despois de sorprender durmido en plena rúa, ao volante da súa furgoneta, un condutor que triplicou a taxa de alcol permitida pola lei.
Segundo a información facilitada pola Policía Local de Lugo, axentes de Atestados decatáronse de que unha furgoneta estaba parada no carril dereito da Avenida Infanta Helena, concretamente na confluencia coa Rúa Montefaro.
Ao achegárense ao vehículo, os axentes viron que o condutor estaba durmido e tiveron que darlle varios toques coa man na porta da furgoneta para conseguir que espertase.
Cando o conseguiron e abriu a porta do vehículo, os axentes decatáronse de inmediato de que presentaba unha forte intoxicación etílica, dado que desprendía un forte cheiro a alcohol, tiña as pupilas dilatadas e a voz pastosa.
Ao ser sometido ao correspondente control de alcoholemia, deu unha taxa de 0,83 miligramos de alcohol por litro de aire expirado. Por iso, o vehículo foi inmediatamente inmobilizado e os axentes tramitan dilixencias por un delito contra a seguridade viaria.
Por outra banda, unha patrulla da Policía Local de Lugo detivo nas últimas horas un cidadán brasileiro que conducía unha motocicleta e lles presentou aos axentes un suposto permiso de conducir portugués falsificado cando lle deron o alto.
Os axentes sospeitaron que o carné non era verdadeiro, realizaron as correspondentes pescudas e comprobaron que, efectivamente, era falso; daquela, o condutor foi detido por un suposto delito de falsificación en documento público e outro contra a seguridade viaria por conducir sen permiso.
Tamén foi localizado o titular da motocicleta, que no seu caso é investigado como cooperador necesario.