Publicador de contidos

Publicador de contidos

En liberdade o portavoz do PSOE en Cospeito, investigado por un delito de lesións á súa parella

En liberdade o portavoz do PSOE en Cospeito, investigado por un delito de lesións á súa parella

Ao parecer empuxou á súa parella, que caeu ao chan

G24.gal 28/07/2025 09:30 Última actualización 28/07/2025 18:03

A maxistrada do Tribunal de Instancia de Vilalba, praza 1, con competencia en violencia sobre a muller, decretou a posta en liberdade do portavoz do PSOE no municipio lucense de Cospeito, Daniel Irimia, que fora detido por unha suposta agresión á súa parella.

O detido acolleuse ao seu dereito a non declarar. Non se solicitou a imposición de ningunha medida de protección, polo que non se lle impuxo. Está investigado por un delito de lesións.

Irimia, foi detido por axentes da Garda Civil a madrugada do domingo acusado de empuxar á súa parella nunha voda que se celebraba en Vilalba (Lugo).

Segundo fontes consultadas por Europa Press, Irimia foi detido como presunto autor dun delito de violencia de xénero e atópase á espera de pasar á disposición xudicial.

Os feitos sucederon a última hora da festa, cando, ao parecer, o portavoz socialista empuxou á súa parella, que caeu ao chan. 

Alguén chamou á Garda Civil e unha patrulla fixo acto de presenza no lugar cando faltaba un cuarto de hora para as cinco da mañá, aínda que nese momento non se produciu ningunha detención.

Segundo as mesmas fontes, Irimia foi detido o domingo ao mediodía, pouco antes das dúas da tarde, e trasladado a dependencias da Benemérita. 

O PSOE defende a presunción de inocencia do edil 

A secretaria de Organización do PSOE na provincia de Lugo, Pilar García Porto, apelou este luns á "presunción de inocencia" do portavoz socialista de Cospeito.

Durante unha rolda de prensa para presentar o balance das actuacións do Goberno de Pedro Sánchez na provincia, Pilar García Porto subliñou que o PSOE "condena firmemente calquera tipo de violencia, tamén a violencia machista". Porén, indicou que a parella do edil non recibiu atención médica nin presentou denuncia.

A responsable socialista advertiu que, mentres non haxa unha resolución xudicial, o partido manterá o seu apoio ao edil: "Mentres non se pronuncie a xustiza hai que manter a presunción de inocencia". Tamén descartou que Irimia vaia abandonar os cargos que ocupa no partido ou a súa acta de concelleiro ata que haxa unha conclusión xudicial.

Os populares critican o "silencio" dos socialistas e reclaman unha condena pública se se confirman os feitos

O PP de Lugo reclamou este luns explicacións ao PSOE.

A través dun comunicado, os populares manifestaron o seu "respecto á presunción de inocencia", pero advertiron de que, se se confirman os feitos, "requiren o profundo rexeitamento por parte de todos" e deben ser "condenados publicamente".

O PP cualificou de "sorprendente" o que considera un "silencio" do PSOE tanto a nivel provincial como galego, mencionando expresamente a José Tomé, Lara Méndez e José Ramón Gómez Besteiro. Tamén instaron o propio Irimia a ofrecer explicacións, lamentando a súa decisión de non declarar: "O feito de non declarar evidencia pouca vontade de aclarar os feitos".

Os populares critican que "parece que o único que lle preocupa é a súa carreira política", lembran que continúa investigado e esixen que o PSOE lucense adopte "decisións de forma inmediata".

"Ás persoas representantes públicas esíxeselles exemplaridade en todos os ámbitos. Tendo en conta que os feitos presuntamente ocorreron nun espazo público, distan moito do comportamento que se espera dun representante político", concluíu o PP, que tamén reclama unha condena pública por parte do BNG.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade