Unha condutora de 30 anos falece ao bater contra un alpendre en Arteixo
A vítima quedou atrapada no interior do seu coche tras envorcar no lugar da Pastoriza
Unha condutora faleceu este sábado nun accidente de tráfico ocorrido no lugar da Pastoriza, no concello de Arteixo. A muller quedou atrapada no interior do coche tras írselle fóra da vía, envorcar de lado e bater contra un alpendre.
Ocorreu sobre as 6:00 horas na estrada AC-415. Os bombeiros de Arteixo liberaron a muller pero nada puideron facer por salvarlle a vida. No operativo participaron tamén o 061, o servizo municipal de emerxencias e a Policía local.
A falecida, duns 30 anos, residía en Meicende, a poucos quilómetros do lugar do sinistro. A veciñanza da Pastoriza leva tempo denunciando a perigosidade deste treito, onde -segundo din- as saídas de vía son habituais.