O Encontro de Torneiros da Madeira de Xermade celebra 25 anos de historia
Cun cento de participantes, entre eles mestres de renome mundial, a cita é a xa a meirande da Península
A madeira torneada é a protagonista do encontro internacional de Torneiros de Xermade, que este ano chega á súa vixésimo quinta edición. A cita que comezara en 2001 coa demostración dun único mestre conta este ano cun cento de participantes, os máis novos mesmo de 14 anos.
"Fixen cegoñas, cogomelos ou gnomos. E agora fixen unha nave alieníxena con luz!", conta a torneira Noa Fachal, nacida en 2011.
"Torneiros con pezas aquí contabilizamos agora mesmo 98. E hai cinco persoas impartindo obradoiros de torno", sinala Alfonso Franco, presidente da Asociación de Amigos da Madeira das Pontes, que colabora na organización do encontro.
"O primeiro ano? Era eu, paréceme. Eu e pouco máis", lembra o mestre torneiro Lolo Castro.
25 anos despois, o de Xermade é o maior encontro de torneiros da Península e conta coa presenza dos mellores mestres do mundo. Para celebralo, os organizadores publicaron un libro conmemorativo.
"Aquí ten cabida todo o mundo, dende a persoa que colle o torno por vez primeira ata grandes mestres como Escoulen, que a nivel internacional hoxe en día é o número un", indica a súa autora, Marisol Souto.
"Este tipo de intercambio é moi importante porque permite mellorar as técnicas. Cando alguén amosa o seu traballo, as persoas que ollan farán o mesmo e logo poden traer outras técnicas", explica Jean-François Escoulen, mestre torneiro.
As mellores pezas exhibidas no encontro, que rematará este domingo, serán seleccionadas para unha mostra itinerante.
