Alerta en boa parte do país polo alto risco de mordida de carracha
A máis común, en 9 de cada 10 casos, é a especie que transmite a bacteria Borrelia Bugdorferi, causante da enfermidade de Lyme
En amplas zonas do país existe un risco entre moderado e alto de mordedura dun exemplar de Ixodes Ricinus, a especie de carracha que pode transmitir a bacteria responsable da enfermidade de Lyme. É o caso do interior da Mariña, onde reside a delegada en Galicia da plataforma estatal de afectados por esta patoloxía. Segundo advirte, a doenza xeroulle importantes secuelas, ata o punto de incapacitala.
"O máis leve é deixarte incapacitada para traballar o resto da vida. E o máis grave, incluso podes falecer. En termos medios, hai xente encamada, en cadeira de rodas, con muletas ou con problemas cognitivos, que eu teño tamén. Vounos levando como podo", afirma Matilde Marqués, delegada en Galicia de ESLYME.
Para evitar as mordidas das carrachas, a prevención resulta fundamental. Posto que soben ata os 70 centímetros de altura pola herba, cómpre mantela baixa nas zonas de paso. Tamén se recomenda vestir manga e perneiras longas, ademais de aplicar un repelente axeitado.
"Levar pantalón longo, poñer os calcetíns por riba e botar repelente, tamén na pel e non só na roupa. Desa forma, é complicado que che pique unha carracha, pero é que as hai a montóns", sinala Marqués.
Malia as precaucións tomadas, as carrachas poden chegar a morder o anfitrión. Para extraelas, non vale facelo de calquera forma, polo que non está de máis acudir a un centro médico.
"É necesario que se utilice unha pinza fina e a enganchemos pola parte máis próxima á pel. Facendo pequenos tiróns, imos tirando amodo de forma ascendente ata que se solte. Se utilizamos calquera outro sistema, corremos o risco de que a carracha regurxite, aumentando as posibilidades de que nos contaxie", explica Lorenzo Armenteros, voceiro da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia.
Dende a plataforma de afectados pola enfermidade de Lyme acaban de impulsar DataEslyme, un pioneiro estudo que ten como fin recoller datos para promover a investigación desta doenza.